Hoxe día trinta de xaneiro recordamos o nacemento en 1886 de Daniel de Rianxo e Castelao de Galiza, un popular referente político nacional galego de enorme significado, casado no noso pobo da Estrada con Virxinia Pereira Renda ( a quen , e celebrámolo, o Concello de Pontevedra lle poñerá o seu nome á rúa que anteriormente foino de Juan Carlos I).

Tamén nesta data celebramos o día da Paz e que o Colexio do Foxo llo adica a Luís Ferreiro, militante da liberdade, mozo por terras de Sesto e Ghitón na Estrada. Día pois de recuperar a nosa memoria civil e de repensar as nosas certezas e maneiras de vivir.Data na que sen perder os soños, debemos sentirnos na proximidade e respectarnos na diversidade, construíndo as propostas e horizontes que orienten as nosas esperanzas e futuros. Na paz , coas referencias necesarias de galegas e de galegos como Castelao e Luís, velaí como as nosas responsabilidades irán nos nosos propósitos de vida, na igualdade de pobos libres e nas súas culturas vivas, sen privacións de xustiza.

Velaí, entre memoria activada e propostas, como expresamos amor. Amor que nos una e determine para darnos forzas de abrirlle portas e ventás ás ilusións, mirándolle aos ollos ao porvir. Servir e non servirse, pois a historia non pode repetirse, nin como traxedia, nin como farsa.Na paz reivindicamos a vida. Por iso a cada día e hora temos que construír a convivencia e a democracia na dignidade. Iso conleva renunciar a seguir pisando dereitos humanos. Xa que logo temos que enamorarnos para loitar por un mundo mellor en paz. Non podemos alimentar a cultura do odio., nin traspasar as liñas dos respectos.

Non nos cansemos de buscar teimosamente puntos de encontro. E aí non podemos rendernos.

*Escritor e mestre estradense