Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A “fascinatio” de Portalén (I)

O Proxecto Montaña Máxica, unha iniciativa que enarbora os valores tradicionais e medioambientais do monte do Seixo, converteuse nunha das intervencións culturais exitosas de cantas se enxeñaron naquel territorio

Calros Solla ao pé de Portalén dezaoito anos despois da súa descuberta.

Portalén fotografada por Juan Soto (colectivo Capitán Gosende).

Tres libros publicados por Calros Solla sobre a Montaña Máxica.

A “fascinatio” de Portalén (I)

A “fascinatio” de Portalén (I)

En decembro do ano 2002, integrando a asociación cultural Verbo Xido de Terra de Montes, encargóuseme organizar un roteiro histórico-etnográfico en Cerdedo que tivese como fío condutor a figura do eximio Martiño Sarmiento, nado no pazo das Raposeiras de Meilide en 1695. Como saben, a Academia Galega determinara dedicarlle o ano 2002 á figura do frade ilustrado, intimamente vencellado, no literario e no persoal, á parroquia cerdedesa.

O roteiro organizado en decembro sucedía o celebrado o 4 de maio dese mesmo ano que, tamén ao meu coidado e con Sarmiento como referente, nos levara polas aldeas e congostras do val de Cerdedo. O domingo 15 de decembro de 2002, guiei, xa que logo, a segunda edición do Roteiro Sarmiento, mais, desta volta, o groso do itinerario percorreu o planalto do monte do Seixo, pois, amais de reproducir o itinerario sarmientino do ano 1745, devecía por dar a coñecer sobre o terreo o resultado das miñas frutuosas pescudas etnográficas verbo da mitoloxía do Seixo. Aquel 15 de decembro de 2002, apelando á necesaria transmisión oral do saber tradicional, puxen en coñecemento dun nutrido grupo de camiñantes o pormenor das trinta estacións míticas da Montaña Máxica e, en concreto, o acervo lendario de Portalén. Daban comezo os roteiros guiados polo monte do Seixo. Os misterios que agochaba a montaña traspasaban as fronteiras da comarca.

Así pois, o esforzo divulgativo que converteu o monte do Seixo e Portalén en meca ineludíbel de leigos afeccionados e sisudos especialistas púxose en funcionamento hai dezaoito anos. Antes, poden buscar, mais non atoparan bibliografía ningunha. Dende aquelas, nun labor só interrompido polas restricións prescritas por mor da pandemia, acompañei a máis de 5.000 persoas polos oito itinerarios mitolóxicos que deseñei para o monte do Seixo (de balde, non en balde). A estes milleiros de persoas, débenselles sumar os milleiros que, informados de xeito indirecto a través do boca a boca, da prensa escrita, das entrevistas na radio e na televisión, das webs e blogs, das redes sociais..., sentíronse atraídos pola miña proposta cultural e de lecer, escollendo a comarca de Montes como destino turístico. O Proxecto Montaña Máxica, unha iniciativa persoal que enarbora os valores tradicionais e medioambientais do monte do Seixo fronte á depredación eólica e a política de acabación, converteuse nunha das intervencións culturais máis felices e exitosas de cantas se enxeñaron naquel territorio. Non lles custou un euro ás arcas públicas, ben ao contrario, levouse adiante sen contar con apoio ningún dos distintos gobernos locais concernidos (Cerdedo, Forcarei, Cotobade, A Lama e Beariz). A única arma que creron eficaz os alcaldes e alcaldesas da redonda para menosprezar esta humilde mostra de resistencia cultural foi o silenciamento. Porén, á vista dos seus resultados e parafraseando a Castelao, foron uns mutistas fracasados. Debo recoñecer que o Proxecto Montaña Máxica superou todas as miñas expectativas: a montaña máxica do Seixo e o santuario pagán de Portalén son hoxe dous lugares arquicoñecidos da Galiza, fitos selleiros dunha comarca esmorecente e faltosa de alicientes. O plan de valorización e difusión, obviado polas administracións locais e autonómica e orfo de patrocinio, obtivo resultados abraiantes sen ter que agardar ao falecemento do seu promotor. Fai máis quen quere ca quen pode.

En xullo de 2002, cinco meses antes da segunda edición do Roteiro Sarmiento, non sen esforzo, dei xuntado no alto do monte unha selecta representación de confidentes, con cuxos gorentosos e inéditos testemuños fun quen de plasmar, negro sobre branco, a mitoloxía da parroquia de Cerdedo e mais do monte do Seixo (Léanse: Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo (2005), Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica (2007) e Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas (2008)). Citarme cos sabios da tribo fronte a un dos innúmeros penedos do monte do Seixo, para obter de primeira man a identificación da porta do Outro Mundo e mais escenificar in situ o seu ritual de ultratumba é argumento extraordinario para unha novela, sen necesidade de apelar a trangallada dos zombis ou dos alieníxenas. Os vellos non me querían subir ao monte, amosábanse receosos pola encomenda e por contemplar de perto a desfeita provocada polo parque eólico. Como dixen sempre, considero imprescindíbel lembrar os nomes e apelidos dos patrucios e matrucias que, merecente da súa confianza, me revelaron a existencia no Seixo da porta do Máis Alá: Manuela Cortizo, Xosé Cortizo, Manuel Vidal, Venicio Fortes, Arxentina de Carballás... (entre outros). Todos cinco, por desgraza, atravesaron a soleira definitiva, mais legaron para a posteridade o seu testemuño probatorio en saudosos documentos de audio e vídeo. Benia a quen todo nolo deixou!

No Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo (2005), cun verniz lírico, mais fidel aos testemuños recadados nos meus encontros e conversas cos informantes, Portalén ficaba retratada para a posteridade do seguinte xeito:

“Xérmolos do alcouve pétreo do monte Seixo. Petoutos furados, rachados, regañados, gretados, fendidos, lañados... Pedras faladoras. Chirimelos: oráculo do Samaín, correo dos que xa non están entre nós. Calquera mortal pode achegarse á pedreira. Calquera, no mes de Santos, pode escoitar a resposta dos que habitan o Outro Mundo. Calquera pode atinxir as súas voces aboiando no abalo e devalo do vento.

De pretendermos novas do Máis Alá haberemos satisfacer a fame e sede dos defuntos. Cómpre achegar ao abrigadoiro da pena unha codia de pan e un copo de viño. Pousada a oferta, aqueles que todo o saben non adiarán a resposta.

O mesmo resultado obteremos se, no canto do pan e do viño, abeiramos unha candea. Aos mortos tamén lles sabe a luz. O aquelado na Porta do Alén é segredo. Aquel que revele a fala dos antergos viraráselle rouca a voz.”

Esta descrición foi reproducida nos libros Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica (2007, con Portalén na portada) e Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas (2008) e repetida ao pé de Portalén en cada unha das innúmeras edicións do Roteiro da Montaña Máxica, así nomeado dende o ano 2005 (reitero, máis de 5.000 visitantes guiados). Esta é, pois, a primeira e única fonte fiábel e, polo tanto, esixe, cando menos por cortesía, o beneficio da cita.

Compartir el artículo

stats