Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

TRIBUNA LIBRE

Unha luz na escuridade

Por fin albíscase o remate do 2020, un ano curtísimo se temos en conta os meses que nos roubou a pandemia e longuísimo pola dor e a anguria que nos ocasionou a todos; e, malia a todo, eu aquí sigo, encantado de habitar nunha aldea encantada, na que aínda existe a maxia e os soños se converten a miúdo en realidade, convivindo cuns encantadores veciños, que tamén están encantados de vivir en semellante paraíso terreal. Dicimos adeus a un dos anos máis escuros, tristes e complicados para a nosa especie, dende que o home puxo os seus pés sobre a Terra, pero que pasará á historia pola serenidade, a valentía e o espírito de loita de millóns de seres humanos de case 200 países do mundo azoutados por esta peste, que xamais estiveran tan unidos, pelexando cóbado con cóbado na busca dun obxectivo común: erradicar axiña este virus, aniquilar este monstro traidor e desapiadado que parece empeñado en arrastrarnos ao abismo, pero moi lonxe de conseguilo, pronto varreremos entre todos da face do planeta.

A lei máis poderosa do universo, que vén sendo a necesidade, forzounos a frear en seco, baixar a intensidade da nosa actividade e deternos a reflexionar sobre os piares e valores fundamentais das nosas vidas, demasiadas veces esquecidos polo frenético e absurdo ritmo de vida que todos sufriamos antes deste dramático episodio: a propia vida, porque é curta; a saúde, porque sen ela nada valemos; a liberdade, porque nos permite realizarnos como seres humanos; a familia, porque é única; os amigos, porque son contados; e o traballo, porque nos permite vivir con dignidade, da nosa suor.

Se ben quedou demostrada a vulnerabilidade e fraxilidade do ser humano, posto en serio perigo por un ser minúsculo e invisible, tamén quedará patente a superioridade do home, capaz das máis grandiosas xestas, na súa condición de rei da creación, dominando aos demais seres vivos, aos que lles debemos profesar un absoluto respecto. Tamén se constatou o inmenso poder da natureza, o noso verdadeiro fogar, que representa o medio de vida primixenio e ideal para a nosa especie, e o seu infinito poder de rexeneración, coa herba invadindo o asfalto e os animais salvaxes ocupando as cidades, en apenas 15 días de confinamento. Quizais desa infinita forza vital proceda o enorme valor do noso rural, tantas veces desprezado, que reafirmou as evidentes vantaxes do seu xeito de vida natural e a súa demostrada capacidade de supervivencia en crise, sendo quen de autoabastecerse, ao contar cunha inxente cantidade de recursos naturais, culturais e históricos que poucos lugares da Terra poden acadar.

Segundo os antropólogos, trátase dun auténtico “rito de paso”, esa dolorosa transformación interior que precisamos para afrontar unha nova etapa das nosas vidas e lembrarnos que somos simples inquilinos dunha terra que non é nosa e que vivimos nun “mundo de prestado”, ao que tan só viñemos observar, aprender, medrar, amar e volver á casa. Se o 2020 foi un ano cheo de sufrimento, agora coa lección ben aprendida e o alborexar dun novo día cheo de esperanza pola chegada da vacina, fagamos do ano 2021, do século XXI, o momento propicio para endereitar o rumbo, turrando cara adiante do carro da vida, con máis fe e ilusión ca nunca, erixíndonos nas flores que alegran o mundo e tratando de atopar a plena felicidade á que estamos destinados.

Mentres tanto, Codeseda, a miña diminuta e exemplar aldea da Galicia baleirada, volveu a converterse polo tempo do Nadal na “aldea da luz” que ilumina a escuridade da longa noite de pedra reinante no rural galego, que temos a obriga de desterrar entre todos, polos que non están, polos que xa non virán, polos que nel habitamos e polos moitos que chegarán despois... Moitas grazas a todos polo mellor dos apoios no peor dos momentos e que teñades un feliz 2021, libre de virus!

*Presidente da Asociación de Amigos da Casa do Patrón

Compartir el artículo

stats