Sete anos despois, Descubrindo Deza volve saír do prelo e faino con 18 artigos de investigación da máis variada temática. O décimo terceiro volume do anuario editado polo Seminario de Estudios de Deza será presentado o vindeiro domingo, día 27 de decembro, ás 18:30 horas, no Museo Municipal Ramón María Aller, dentro da programación cultural do Concello de Lalín.

Esta publicación veu a luz por vez primeira no 1999 e, con preto de trescentos artigos, constitúe o máis importante referente nas investigacións sobre a terra de Deza nos últimos anos; o anterior número, o duodécimo, data de 2013, pois desde entón non volveu editarse. No presente volume, o número 13, repite consello de redacción constituído por Xoán Carlos García Porral, José Ramón López Fernández e César Gómez Buxán.

Na sección de arte e arquitectura, Lucía Espiño López realiza un pormenorizado percorrido polas actuacións de restauración e conservación do emblemático monumento ao aviador Loriga e Ángel Luis Utrera Baza, unha análise e comparativa de tres cruceiros de Agolada e tres da Ulloa que teñen a mesma autoría.

En biografía, son dous os artigos dos que poderemos disfrutar, un de José Ramón López Fernández sobre o tan importante como relativamente descoñecido Ramón Varela, de Santiso, literato de comezos do século XIX, así como participante nas continuas revoltas políticas desas épocas, e outro de Lois Rodríguez Cabana, sobre a biblioteca persoal do filósofo Juan Francisco de Castro, párroco de San Pedro de Losón e arcediago de Dozón, finado a finais do secúlo XVIII.

A etnografía está representada por varios traballos: Rafael Quintía Pereira recupera as variadas lendas sobre homes santos e ermitáns nas terras de Deza e Trasdeza, das que o do Corpiño é a máis famosa. Isabel García Fernández e Xoán Carlos García Porral lembran unhas prácticas case esquecidas para a caída da espiñela e outros males. Sobre a congregación do Clamor, e outros pormenores desta rogativa que se celebra entre as parroquias de Vilariño e Bermés ilustra José Ramón Pérez Salgado. César Gómez Buxán fai unha relación dos oficios e os seus titulares das terras de Lalín que figuran reflectidos no Catastro de Ensenada a mediados do século XVIII. Pecha esta sección Diego Frade Amil, cunha achega pormenorizada da toponimia da parroquia de Ponte (Silleda).

Na sección de historia, Luis Fernando Pérez Méndez ofrece novas dun machado votivo pulido; José Luis Rodríguez Jácome, das teorías sobre o paso das vías romanas pola comarca, un tema aínda non pechado; Óscar González Murado transcribe e comenta a visita de Bustos de la Torre no 1700 ao antigo arciprestado de Deza; e Antonio Vidal Neira e José Ramón López Fernández fan uns apuntamentos sobre un período convulso, como foi o da primeira guerra carlista (1833-1840). En xeografía, Antonio Presas García fala, dun xeito pormenorizado, sobre a gran inversión térmica da conca media do río Asneiro.

Aller e Feira do Vento

Rematan o volume dúas comunicacións, unha de Cecilia Doporto Regueira, na que fai referencia a uns estudos de Ramón María Aller Ulloa, figura da que é a mellor coñecedora, e unha lembranza da antiga Feira do Vento, da que é autor Francisco Xavier Fernández Nogueira.

No acto deste domingo, ao que asistirá o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e mailo alcalde de Lalín, José Crespo, tamén se dará a coñecer a dixitalización dos anteriores volumes, o que facilitará o acceso público a unha das bibliotecas imprescindibles para o coñecemento da bisbarra.