Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Centenario do nacemento de "El Emigrado"

A Estrada celebra hoxe os cen anos do primeiro número dun xornal que ten a súa orixe na emigración cubana

Imaxe da cabeceira do xornal "El Emigrado".

Abondos foron os xornais que no primeiro terzo do século XX viron a luz na Estrada, coas máis variadas orixes e cos máis variados fins. Mais, o que máis relevancia tivo tanto polo seu contido coma pola súa duración foi "El Emigrado". Este xornal terá a súa orixe na Sociedad de Hijos del Ayuntamiento de La Estrada na Habana, entidade creada o 4 de Xuño do 1915, sendo o seu primeiro presidente da xunta xestora D. José Brea (de Vinseiro) e secretario Manuel Señarís Junquera (de Aguións) e cuxos estatutos compostos por seis títulos e 23 artículos, indican no Título I, artigo IV o seguinte: "O cincuenta por cento que esta Sociedade dedica á Federación Agrícola da Estrada, ten por obxecto a construción dun edificio de dúas plantas para domicilio de dita Federación, e a soster un xornal para a defensa dos intereses agrarios e para difundir os modernos métodos de cultivo."

E así será como un lustro despois verá a luz "El Emigrado", coa súa sé precisamente no Centro de Emigrados da Estrada.

O primeiro número verá a luz o 15 de setembro do 1920 coa seguinte presentación que transcribimos integramente, traducida, debido á súa importancia como base ideolóxica do xornal:

"Ao saírmos á luz por primeira vez, e seguindo un costume tradicional nestes casos, temos o alto honor de facer a nosa presentación perante as Autoridades locais, perante a prensa rexional do aquén e do alén, da cal vimos a figurar en parte e perante o distinguido público estradense, tamén de aquí e de alá que é o que con máis interese nos ha de ler. Vaia daquela a unhas e a outro o noso máis expresivo saúdo.

E agora, tamén por non faltarmos ao dito tradicional costume, imos dicir quen somos e a que vimos.

O primeiro case resulta innecesario, xa o mesmo título deste xornal descubre que somos os emigrados estradenses os mesmos que, por non vivirmos na nosa fermosa vila, os que tomamos un coche en calquera dos campos ou de Bedelle para irnos a un porto costas galegas coller nun mal trasatlántico o camiño de América coa nosa fardela ou a nosa maletiña de man e cos petos baleiros pero coa cabeza chea ideas porque agardabamos que procurabamos de ter mellor sorte, mais co noso corazón rebordando de pesar por ternos que separar das nosas familias da Estrada, e por termos que sacar quizabes da máis desconsolada miseria aos nosos seres queridos.

Somos aqueles que na ausencia padecen ultraxes por onde queira, sobre todo dos mesmos españois, traballamos día e noite para gañarmos catro cartos cos que podermos atender as necesidades da familia.

Somos aqueles que, roubando horas á instrución e ao sono, desempeñamos unha importante función que só era propia do Goberno de Madrid, constituíndo nas sociedades de instrución e nas sociedades de agricultores do noso país para redimirnos da miseria e da ignorancia que a nós nos obrigaron abandonar os nosos lares e saírmos da nosa terra que, aínda que se visen con algunhas luces e precisados e conscientes dos seus deberes e dereitos, fixeron que tivésemos que emigrar.

Somos aqueles que, despois da familia, ou mellor dito, á par desta, nos temos lembrado e nos lembramos tamén da terra que nos viu nacer, para a cal xamais tivemos rancores, senón o contrario, canto máis lonxe estivemos dela máis chegamos a amala, porque sabemos que ela non tivo nin ten a culpa de que nós fósemos arrebolados á emigración, nin de que ao ir e ao voltar fósemos explotados á mantenta por toda clase de vividores: dende o prestamista -agás raras excepcións-- que nos facilitou os cartos para a viaxe, con usura e con inmellorables garantías, dende logo, ata os impostores que nos conduciron a bordo, pasando polos que se acubillan nas oficinas encargadas de facturarnos, polo persoal das casas consignatarias, polas empresas de coches e automóbiles, polos donos de fondas e casas de hospedaxe, polos maleteiros, persoal das alfándegas, etc. etc. e viceversa.

Somos aqueles que na ausencia tiñamos unha fe cega nas Asociacións agrarias, e que aínda a temos; pero que, ao voltar aos nosos fogares, vemos con gran sorpresa e con profundo pesar que se atopan divididas e case totalmente esnaquizadas pola maldita política que se mergullou nelas cal lobo famento no medio dun rabaño de humildes ovellas. E vemos así mesmo a necesidade imperiosa de lle dar unha batida a ese lobo feroz, tratando de alonxalo no posible, xa que non é doado matalo, e de telo a distancia, a ver se se reorganiza o disolto rabaño con máis cohesión que antes se for posible, e se dedica a traballar unica e exclusivamente polo desenvolvemento económico do Distrito, sen preocupalo en absoluto de que goberne Xan ou goberne Pedro, e si tan só esixir que gobernen ben e que cada cal cumpra co seu deber, sexa quen for o encargado de facelo; e a política déixenllela a aqueles que a exercen como unha profesión, quen se quere, pode moi ben organizarse en partidos ou bandos completamente desenleados das Sociedades, que tamén poderían prestar excelentes servizos ao Municipio, se fosen como debesen de ser, podendo daquela desenvolver unha acción común cos demais organismos locais a prol do progreso moral e material do noso Distrito.

A traballar por todo isto, a defender os sagrados dereitos da nosa Galicia idolatrada, a unir en estreito feixe a todos os estradenses emigrados e a defendelos das innumerables explotacións das que na súa odisea son obxecto; a informalos en todo o posible de todo o que aquí pase, e a informar tamén aos de aquí do que ocorre nas colonias estradenses polo mundo espalladas, é ao que nós vimos, como se poderá ver polos artigos do noso Reglamento de Régimen Interior que publicaremos noutro número."

A partir desta data tres serán os números mensuais, coincidindo con tres das catro feiras que se celebraban na Estrada os que vaian conformando os 16 anos que van até o golpe de estado do 36, inda que a partir deste ano seguiu a ser publicado até decembro do 1940 (xa coa periodicidade du número mensual), con 666 números publicados.

Se tal como dixo José Martí "honrar, honra", pois os e as estradenses temos que reclamar o inmenso legado de tal xornal e, dende logo, honrar a súa existencia e moi especialmente daqueles persoeiros que fixeron que este xornal teña que ocupar un espazo preferente na historia da Estrada e galega, como foron a propia Sociedade Hijos del Ayuntamiento de La Estrada, que inda hoxe segue a dar as súas mostras de sentimento estradense alá na Habana, de don José Otero Abelleira (o seu primeiro director até os anos 30), Manuel García Barros cos seus traballos sociais e literarios e como redactor-xefe ao longo de moitos dos anos... e outros moitos actores implicados.

Compartir el artículo

stats