Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

sacho dixen

A revolución das formigas

A revolución das formigas

Cada vez que me poño os guantes de látex e collo a bicicleta polas rúas de Madrid síntome como un motorista pola ruta 66. E non debo ser o único que se sinte noutro lugar. Entre a cantidade de bicicletas que hai circulando e o cheiro a porro dalgunhas rúas, só nos faltan as canles para ser Ámsterdam. A cidade semella estos días que está a estrear. As grandes avenidas como a Castellana ou Princesa acaban de ser asfaltadas e os escaparates dos comercios están impolutos, sen pó. Normal, pasámonos o día limpando. Algúns cambios sí que trae isto da "nova normalidade". Para min, recoñezo, implica facer caso omiso aos semáforos cando circulo. E logo, está o tema das aglomeracións. Co que odiamos esperar e facer cola, agora resulta que non entendemos a vida sen multitudes. Non obstante, hai demasiadas cousas da "nova normalidade" que se parecen demasiado á vella.

Unha das primeiras actividades que poderemos facer os galegos cando remate a desescalada é algo ao que durante os últimos anos estabamos acostumados: votar. Iso si, nesta campaña electoral xa non valerá como estratexia de comunicación darlle bicos aos nenos e repartir apertas entre os avós. Outro exemplo: no Congreso dos Deputados o gobernador do Banco de España advertía a semana pasada de que nos vaiamos preparando para "unha estratexia de consolidación fiscal e reformas estruturais". Os eufemismos tamén nos soan de algo, non?. A min, dame a impresión de que nos están vendendo como novo algo vello. Un mundo de wallapop, de segunda man.

Non entendo, porén, como puido pasar tan desapercibido que Estados Unidos confimase o avistamento de OVNIS. Paradoxos. Como tamén o é o feito de que os manifestantes do madrileño barrio de Salamanca, un dos máis ricos do estado, se concentren agora coas cacerolas no Paseo da Habana ao grito de "liberdade" ou que se escoiten berros de "comunistas" na rúa de Ferraz. Paradoxos.

Os informe dos corpos de seguridade xa prevían mobilizacións, tensión e malestar cidadá conforme foran pasando os meses. Seguramente, nesa reunión os coroneis imaxinábanse a xente famenta atracando supermercados e a aproveitados roubando ordenadores no Media Markt. Mira ti por onde, a revolución estoupou por outro lado. Acostumados a que nas épocas de crise perdan sempre os mesmos, agora tamén perden eles, os que viven dos dividendos. Intentan manter as distancias, pero non as distancias que obriga a pandemia, senón as distancias de clase, as da desigualdade. Hai xente tan pobre que o único que ten é diñeiro. Moi cristiano isto, por certo, non é.

Debaixo de todos nós, tamén dos manifestantes, hai un mundo invisible ás nosas miradas, pero da mesma magnitude e que pisamos continuamente: resulta que todas as formigas do mundo xuntas pesan o mesmo que os 7 mil millóns de seres humanos que somos. Kropotkin foi un naturalista e anarquista ruso que se dedicou a analizar o comportamente destes insectos. Segundo a súa teoría, as formigas colaboran seguindo un modelo de división do traballo para buscar comida e crear colonias ben defendidas e protexidas. Deste xeito, o teórico testou que se unha formiga que ten comida se nega a compartila con outra que está famenta, é tratada como unha enemiga. Kropotkin, aínda recoñecendo "a lei do máis forte" de Darwin, di que algunhas especies desenvolven un concepto de apoio mutuo que permite a súa supervivencia e que serve como motor de desenvolvemento da comunidade. A min, interésame a revolución das formigas.

*Xornalista de Agolada afincado en Madrid

Compartir el artículo

stats