Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Adrián Sánchez Méndez: "Vivir da música é complicado, e máis sendo saxofonista"

"Gustaríame dar clases, pero o traballo de profesor é máis difícil que o de intérprete"

Adrián Sánchez durante unha actuación. // Laurent Wangermez

O saxofonista dezano Adrián Sánchez Méndez está inmerso na súa formación e xa ten cerradas varias actuacións por distintos países. Ademais, destacou en diferentes concursos internacionais e o compositor de renome François Rossé dedicoulle a obra Under World.

-Cando comezou a tocar?

-Con nove anos e na escola de música de Cruces co mestre José Fungueiriño. Posteriormente, trasladeime á de Santiago e estudei con Óscar Fernández, tamén de Merza. Despois, marchei para o Conservatorio Jacques Thibau de Burdeos e alí formeime con Marie-Bernadette Charrier e actualmente, estou no Centro Superior Katarina Gurska, que é un centro de gran renome e o meu profesor chámase Pedro Pablo Cámara, un dos saxofonistas máis influinte da nova xeración. Tamén me formei con José Saborido e Xabier Casal.

-Por qué este instrumento?

-Foi bastante ao azar, porque os meus amigos tocábano, o meu mellor amigo daquelas tamén empezara con el e entón decidimos así tocar o mesmo e o que empezou como unha afección na banda acabou formando parte da miña vida.

-Ten só 24 anos e non para. Como foron estes inicios?

-O máis complicado foi cando cheguei a Burdeos (Francia) porque non só era asentarse nunha cidade descoñecida, é que era a primeira vez que estaba nun país novo realmente só, sen coñecer ben o idioma e o proceso de adaptación foi difícil. Pero grazas a iso cando volvín a España era como que fácil é agora todo e alí estiven dous anos.

-Ademais, xa conseguiu varios premios.

-Si. O ano pasado ganei dous premios e fun convidado a tocar de solista ca orquesta sinfónica du Bassin d' Arcachon;en outubro estiven en Osaka no International Music Competition (Japón), que é un dos concursos máis importantes a nivel mundial, onde fun finalista que chegar a isto xa é bastante complicado. E estou seleccionado para a final do Concours Léopold Bellan (Francia). E ver que con estes premios che valoran o teu traballo fante sentir que o estás facendo ben.

-É complicado poder vivir da música?

-É moi complicado, pero sendo saxofonista aínda máis. Porque outros instrumentistas como o violín, trompa, trompetas... calquera destes que se utilizan nas orquestras, teñen moitísima máis saída, pero nós somos un instrumento moi novo e case non temos obras compostas para saxofón, dentro da orquestra. Pero hai que intentar darse a ver, mellorar este aspecto e cada día estamos evolucionando igual que a música tamén vai cambiando e chegará un momento no que estará máis axustado o repertorio de saxofón e doutros instrumentos.

-Que proxectos ten?

-Estou cun cuarteto que montamos recentemente e en outubro iremos a un festival a México, en abril temo unha reunión na embaixada de España en Tailanda, porque a miña moza é de alí, e a ver se podemos colaborar para facer alí na embaixada algúns concertos; na Casa de Galicia, aquí en Madrid, tocarei cun compañeiro o 17 de marzo e este domingo actuaremos en Getafe coa orquestra de cámara do Centro Superior Katarina Gurska e interpretaremos o Concertino da Camera de Jacques Ibert.

-Que lle gustaría facer no futuro?

-Tocar o máximo posible e tamén me gustaría dar clases, que xa teño impartido algunhas particulares e din unha masterclass o verán pasado no encontro da Federación Galega de Bandas de Galicia en Agolada. É complicado dalas porque a función dun profesor é moi importante porque del pode depender que un neno queira estudar música nun futuro. Polo tanto, é máis difícil que ser intérprete.

Compartir el artículo

stats