-Coa compañía Voadora, que proxectos ten agora?

-Estamos cun espectáculo que se chama Hemos venido a darlo todo, unha experiencia escénica na que se mostra un concerto. En febreiro teremos unha xira nacional con este proxecto. Agora rematamos cunha ópera que se estivo representando en varias cidades galegas e estamos buscando saídas para esta ópera que é a primeira longa en galego.

-Gústalle máis traballar en galego ou en castelán?

-Eu son neofalante, entón penso que a convivencia de moitas persoas da miña xeración coa lingua é complicada. Penso que o feito de ser neofalante é unha aposta persoal, política e tamén de pertenza. Así que eu fago unha aposta pola lingua galega, pese as miña carencias. Gustaríame ter un maior dominio da miña lingua, pero é unha aposta consciente na que cada vez me mergullo máis, porque tamén fago máis teatro que se ubica, acontece e que ten un horizonte galego.

-Está creando nova obra?

-Agora teño varios fogos prendidos, pero estou facendo un proxecto de teatro documental no que revisamos unha teleserie que fixemos un grupo de actores adolescentes en Galicia no ano 2001 que se chamaba Avenida de América. Varios dos actores estamos facendo un traballo, vinte anos máis tarde, de lembranza de aquela serie e intercambio de experiencias. Unha historia de teatro documental que ten moito que ver con Galicia e cos principios da Televisión de Galicia.