Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alejandro Piñeiro: "Os nenos adoitan repetir e, incluso, anótanse na Escola"

"Este ano o campamento vale 5 euros máis porque aumentouse o número de horas"

Alejandro Piñeiro, presidende da Banda de Lalín. // Bernabé/ Javier Lalín

Coa chegada do verán as Escolas de Música deciden deixar de lado a rutina das clases teóricas e organizan campamentos musicais. Unha iniciativa que a Banda de Lalín leva organizando dende fai anos e que volverá a iniciarse do 2 ao 6 de setembro. Unha oportunidade para que os máis pequenos comecen a familiarizarse cos instrumentos musicais. Alejandro Piñeiro preside a Banda de Lalín, organizadora destas actividades.

-Cantos anos levan organizando o campamento musical de verán?

-Non sei o tempo exacto pero a Escola de Música creouse no ano 96 e o campamento leva máis ou menos os mesmos anos. Quizais un pouco menos porque houbo algún ano que non se realizou.

-Cal foi o motivo que levou á Escola musical a organizar esta iniciativa?

-É unha maneira de que os cativos se adentren na música. Ademais, este non é o típico campamento musical dirixido á xente que xa toca instrumentos e ten xa uns coñecementos. Tampouco se imparten clases musicais senón que facemos este achegamento para nenos que nunca estiveron en contacto coa música ou que están nos primeiros anos. Traballamos de maneira lúdica aspectos músicais como as calidades dos sons, os timbres dos distintos instrumentos e realizamos xogos rítmicos.

-Por que a franxa de idade dos participantes é de cinco a dez anos?

-Como o campamento ten ese carácter de iniciación, decidimos poñer de límite esa idade. Os rapaces maiores de dez anos xa teñen outro tipo de coñecementos e xa lle corresponderían outro tipo de actividades. Percatámonos de que os nenos destas idades son os que mellor aproveitan este campamento. Aínda que se algún neno de 11 anos quixera participar, tampouco habería ningún problema.

-Durante moitos anos este campamento realizábase nos meses de xullo ou agosto. Por que este cambio?

-Foi unha proposta das propias familias que nos comentaron que nos meses de xullo e agosto coincidíalle con outras actividades ou mesmo estaban de vacacións e non podían compaxinar os días para participar. É unha maneira de conciliar a vida familiar e laboral. Ademais para nós, tampouco había moita diferencia en organizalo nun mes ou noutro. Tamén notamos que a demanda aumentou e que a xente incluso agredece que sexa así.

-Cal é o número total de prazas que se ofertan?

-Ofrecemos 40 prazas, das cales só quedan libres 10. A previsión é que se cumpran todas, aínda está aberta a inscripción ata o día 1 de setembro. Estamos animando á xente a través das redes sociais a que se anote.

-As actividades que se realicen van se levar a cabo todas no Auditorio Municipal?

-Si, todas realizaranse arredor do auditorio, unhas dentro e outras fóra da instalación. Aproveitamos o parque situado detrás xa que tamén hai esculturas con formas de instrumentos. Así podemos controlalos mellor a todos.

-Ano pasado o precio era de 15 euros, por que este ano custa cinco euros máis?

-Este ano aumentou porque ampliamos o número de horas. Ata o momento estabamos facendo tres cada día e agora vai ser toda a mañá de 10:00 a 14:00 horas.

-Se este campamento leva organizándose tantos anos será por que funciona. Que opina?

- Xusto antes de falar contigo, chamoume unha nai porque o seu fillo quería participar e xa era o terceiro ano consecutivo. Iso é unha alegría para nós porque significa que as actividades que impartimos funcionan. En xeral, os nenos adoitan repetir e moitos, incluso, anótanse na Escola Musical.

-Durante o inverno tamén realizades actividades dirixidas aos pequenos?

-Durante a temporada invernal poñemos en marcha a escola e, a parte das clases teóricas, tamén programamos outras actividades como festivais ou audicións.

-Mañá a Banda de Lalín actúa ás 20:00 horas no KmO. Estades satisfeitos cos concertos que realizastes durante a temporada estival?

-A Banda de Lalín xa fai anos que non facemos demasiadas actuacións en festas. Acudimos ás que se atopan na contorna como as de Botos ou Goiás ou en cidades máis grandes como Lugo ou Santiago de Compostela. Isto por un lado, permítenos ter un pouco máis de relax durante o verán e tamén collemos con outra motivación os eventos nos que participemos nestes dous meses. Mañá temos a actuación en Lalín é sempre é algo que nos impón máis porque estás actuando diante da túa xente.

-Cando se producirá a chegada do novo director da banda?

-A nosa idea é deixar pasar estas actuacións e despois, a partir do mes de outubro, comezar a nova etapa cun novo director. A dificultade máis grande que temos é a nivel de financiación entón estamos vendo como o podes facer, se a través dun convenio co Concello de Lalín ou con outras administracións. Antes de abrir un proceso de selección, queremos ter solucionado este apartado.

Compartir el artículo

stats