Santiago pecha a xira promocional da 51ª Feira do Cocido

Presentación da Feira do Cocido, hoxe, en Santiago.

Presentación da Feira do Cocido, hoxe, en Santiago.

Lalín

Cun "abarrote" total no mercado de Santiago de Compostela, finalizou hoxe o percorrido promocional posto en marcha polo Concello de Lalín por seis das principais e máis coñecidas prazas de abastos do país (as outras eran Pontevedra, Vilagarcía, Vigo, A Coruñ e Lugo), onde nas últimas semanas se realizou unha presentación da 51ª Feira do Cocido co patrocinio de Gadis e coa colaboración de Abanca e Coren. Na mañá de hoxe, o posto instalado no emblemático mercado compostelán estivo completamente ateigado pola presenza constante de santiagueses e turistas que non quixeron pasar a oportunidade de gozar do plato lalinense na derradeira parada do itinerario promocional. As máis de 200 tapas baseadas no auténtico cocido de Lalín e elaboradas neste caso polo coñecido cociñeiro local, Diego López, rematáronse en pouco tempo deixando constancia entre os presentes da enorme calidade dos produtos locais e do enorme potencial da súa hostalería e dos novos valores da cociña lalinense. O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, acudiu ao acto acompañado do concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, aproveitando ambos para convidar a todos e todas as santiaguesas a visitar Lalín o vindeiro 24 de febreiro no día grande da Feira do Cocido.

Tanto o alcalde como o concelleiro fixeron nesta última parada promocional un balance moi positivo da iniciativa do Concello para difundir a 51ª Feira do Cocido polas principais prazas de abastos galegas. Ambos puxeron de relevo a enorme cantidade de cidadáns que ao longo do percorrido pasaron polo stand para degustar as tapas e para informarse sobre os actos e o evento gastronómico. Así mesmo, destacaron a ampla cobertura mediática que tiveron os distintos actos. En definitiva -indicaron- estamos moi satisfeitos dos magníficos resultados que tivo a campaña promocional e moi contentos da excelente resposta que obtivo por parte da cidadanía. A idea, explicaron, ademais de servir para atraer visitantes a Lalín e á feira tamén serviu para poñer en valor o papel fundamental que xogan os mercados de abastos como exemplo de comercio de proximidade e de produto de calidade e para dar a coñecer as excelentes materias primas de Lalín. Tendo en conta, ademais, a estreitísima relación que garda o Cocido de Lalín con algúns dos produtos galegos máis recoñecidos pola súa calidade, e que todos eles se poden atopar nas prazas, esta modalidade promocional adaptouse ao 100% ao que buscamos transmitir e permitiunos superar con creces os obxectivos de difusión da feira e de Lalín, aseguraron Cuíña e Vilariño.

Tracking Pixel Contents