Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un novo petróglifo para Capitán Gosende

Atopan un nuevo gravado rupestre na fronteira entre os concellos de Cerdedo e Cotobade

Gravado rupestre localizado na fronteira entre os concellos de Cerdedo e Cotobade.

O pasado domingo 24 de abril, véspera da Revolução dos Cravos, os exploradores de Capitán Gosende percorremos a faixa de monte que, dende tempo inmemorial, serve de estrema entre as parroquias de Cerdedo (San Xoán) e Caroi (Santiago) e, polo tanto, entre os concellos de Cerdedo e Cotobade.

Contra á tardiña, os Gosende, axudados pola luz de poñente e grazas á pericia do compañeiro Anjo Torres, dabamos cun novo gravado rupestre. O petróglifo fai o número 24 dos atopados polo colectivo nos concellos de Cerdedo e nas márdeas de Cotobade, Forcarei e A Estrada.

A inscultura, duns 4.000 anos de antigüidade (Idade do Bronce), labrouse no cotote dun penouco granítico asomado á fonda vaganta do río do Seixo. O achado, bautizado co nome de "petróglifo de Regaseis", componse dun conxunto de coviñas xa illadas (7), xa aliñadas (10), xa consteladas (7) que suman un total de 24 fossettes. Tamén anotamos a presenza de dous elementos circulares. Na face oeste do penedo labrouse unha cruz de termo. Eis as coordenadas do petróglifo de Regaseis: X.- 548588; Y.- 4705295. Outras posíbeis denominacións para o gravado serían: "petróglifo do monte da Penancha" ou "petróglifo do Outeiro da Cruz".

O río do Seixo, cuxo leito se atopa a uns 400 m (cara ao leste) do depósito arqueolóxico, discorre de sur a norte rabuñando un profundo canón. O planalto no que sobrancea o afloramento rochoso é, cando menos en inverno, unha chagorza. É ben coñecida a presenza do gravado rupestre tipo "coviñas" nas proximidades de olleiros ou mananciais.

Cómpre salientar que os pobos prehistóricos que habitaron as lombas de Costoa e do monte de Cavenca, en paralelo ao río do Seixo, escolleron os agromos graníticos máis rechamantes e de cara ao nacente (de face ao río e monte do Seixo) como "lenzo" para a súa expresión artística: petróglifo de Regaseis, petróglifo da Fonte Mosqueira, petróglifo do Outeiro da Bichoca e petróglifo da Cerqueira. No tocante aos motivos representados (coviñas), á morfoloxía do soporte pétreo (pedras sobresaíntes) e á súa localización (no bordo do cavorco), o petróglifo de Regaseis garda moitas semellanzas co petróglifo do Outeiro da Bichoca, no monte de Chamadoira (Cerdedo), situado a 850 m de distancia cara ao nordés do anterior (coordenadas.- X: 549.275; Y: 4.705.788).

Nese mesmo sistema montañoso (elevado entre os ríos Cervas e Seixo), catalogáronse o petróglifo da Laxa do Almanaque (Chamadoira), o petróglifo do Outeiro de Riba (Biduído), o petróglifo do Outeiro Aciveiro (Biduído) e o petróglifo das Brañas (Lourido). En todos eles, os agrupamentos de coviñas (de maior ou menor tamaño) son motivo recorrente.

O gravado rupestre sitúase a uns 670 metros cara ao nordés do lugar de Medelo (Cotobade) e a uns 950 metros cara ao sueste do lugar de Chamadoira (Cerdedo). Os naturais de Medelo (Cotobade) e A Cavadosa (Cerdedo) nomean "Reghaseis" a caeira de monte que, dende o Outeiro da Penancha, verte cara ao río do Seixo. O regueiro de Regaseis amece no río (marxe esquerda) uns 600 metros antes do mítico pozo Sangoento. Consonte a tradición, co caudal de Regaseis, seis veciños (familias) daban irrigado a súa terra de labor, ou seis muiñeiros accionaban os seus aparellos de moenda. A finais da década dos 90, censamos e fotografamos no río do Seixo tres construcións (en estado ruinoso) denominadas "muíño de Reghaseis".

Segundo o visor ortofotográfico do IET, o petróglifo localízase a uns 130 m cara ao sudoeste do linde entre parroquias (Santiago de Caroi-San Xoán de Cerdedo), caendo do lado de Cotobade. Como dixemos, na rocha, amais do gravado prehistórico, tamén se advirte o trazo dunha cruz de termo, evidenciando que, xacando, a peneda foi empregada como fito de deslinde. Noutros rochedos do arredor (v. g.: Outeiro da Penancha, Outeiro dos Carpinteiros, Fonte Mosqueira...) tamén se riscaron cruces de termo, coincidentes ou non cos mollóns actuais.

Como é habitual en todo o país, as pedreiras singularizadas dende a Prehistoria con insculturas, foron elixidas en época histórica para establecer os marcos fronteirizos. Aquilo que a antiga sabedoría separou non o una a ignorante modernidade.

Compartir el artículo

stats