Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As sete marabillas de Cerdedo (e III)

Tallas, cruceiros, panteóns ou cantigueiros tamén enriquecen as terras cerdedenses

Dándolle remate á tríade de artigos dedicados ao enxalce do patrimonio cerdedense, axustados á fórmula do cabalístico 7 e inspirados nos escritos de Heródoto (séc. V a. C.) e Antípatro de Sidón (séc. II a. C.), ocuparémonos hoxe das nosas catro marabillas restantes: a talla do san Miguel de Arén (Cerdedo), o cruceiro das Procesións (Quireza), o panteón dos Taboada (Folgoso) e o cantigueiro de Manuela de Barro (Cerdedo).

A capeliña do San Miguel de Arén (Cerdedo), cuxa construción se remonta aos séculos XVI ou XVII (prob. reconstruída no XVIII), localízase sobre o sitio arqueolóxico do castro Arén. Foi fundada polo crego Antonio de Arén, tío de Pedro de Arén (1631-1699), egrexio arquitecto. O templo garda, entre outras curiosidades, unha fermosa imaxe de inspiración ou feitura gambiniana: o san Miguel e o Demo (léase "O canón de Gambino albíscase na talla do san Miguel de Arén", en Faro de Vigo, 9-11-2010).

Xosé Gambino (1719-1775), natural da parroquia de Ribasar (Rois), e o seu xenro Xosé Ferreiro (1738-1830), encarnan o cénit da imaxinaría do século XVIII. Como xa expuxen hai anos, a escultura do san Miguel e mais o Demo, conservada en Arén, provén, con certeza, do obradoiro compostelán dos Gambino-Ferreiro.

A imaxe, dual, de bo porte, representa un san Miguel guerreiro sometendo o príncipe das tebras. O Arcanxo, mestura de gladiador, lexionario e tribuno, atavíase cunha túnica regañada que deixa ver ambas as dúas pernas, elmo cristado, coiraza, faldrellín de coiro e "caligae" (sandalias). Terma co brazo esquerdo dun escudiño en forma de corazón, co anagrama "Q. C. D." (Quen coma Deus?) e brande, na man dereita, unha espada flamíxera coa que ameaza, triunfante, a Lucifer, o anxo caído.

O Demo, en porrancho, de pel morena, cornán, celludo e bigotudo, coas orellas do señor Spock, desprega as ás de criatura da noite e reméxese impotente baixo os pés do seu adversario. Satanás, a piques de pedir papas, revírase ollando para o superanxo que, lonxe de mostrarse implacábel, fita o seu inimigo con expresión clemente. Equilibrio de contrarios. Abofé, o san Miguel pensa: "Petelo, sen ti non son nada".

Talvez, os lectores agardasen que a talla do Ecce Homo, conservada na parroquial de Cerdedo, fose a escolleita na categoría imaxineira. Ninguén pon en dúbida o seu mérito (tamén se lle atribúe a Gambino), mais, correndo os tempos que corren, este membro de Capitán Gosende, desbotou o motivo do deus prisioneiro, decantándose por unha divindade capaz de expulsar de Cerdedo o mal que nos ten apalermados.

Encabezando o vía crucis da parroquial de Quireza (consérvanse 11 das 14 cruces regulamentarias), érguese maxestoso un cruceiro da autoría de Xosé Ferreiro (non o confundamos co xenro de Gambino). Ferreiro, natural do lugar do Outeiro (Quireza), esculpe, no ano 1902, o chamado cruceiro das Procesións, secuela mellorada do cruceiro da parroquial de Cerdedo (do ano 1900), do mesmo autor.

A abraiante escultura, que supera os 7 m de altura, alza unha cruz octogonal (o Crucificado olla cara ao sur; a Virxe, cara ao norte) sobre chapitel composto, enfeitado con cabeciñas de anxos e volutas; fuste helicoidal a dextrorsum (oito acanaladuras) de basa octogonal (na que se tallaron tres instrumentos da Paixón: a escada, a lanza de Lonxinos e a vara coa esponxa do vinagre); pedestal moldurado de oito faces (coa inscrición: "Este cruceiro se hizo [...] año de 1902, siendo cura Manuel Rivas"/"1902") e plataforma octogonal de dous chanzos (prob., o enlousado fixo desaparecer algún máis). A pedra de gran na que se traballou o cruceiro extraeuse dunha canteira da Conla.

No cemiterio de Folgoso (todo el meritorio), áchase a sexta marabilla de Cerdedo: o panteón dos Taboada. A fúnebre arquitectura, cuadrangular e exenta, arrecúnchase na banda dereita do camposanto. Obra do mestre canteiro Manuel Barros, oriúndo de Mourente (Pontevedra). Segundo Castelao: "Cando traballaba, bebía dúas olas de viño do Ribeiro cada xornada". Componse de tres corpos: basamento, sepulcro e baldaquino. No frontal do basamento, labrouse, en mediorrelevo, o motivo das "mans estreitadas", símbolo da fidelidade eterna dos esposos. O sepulcro consta de dúas sepulturas chapadas con mármore branco. En cada un dos cantos do corpo sepulcral esculpiuse unha columna acanalada. No friso, unha inscrición lembra o posesor e a data de construción: "Propiedad de D. José Taboada Mouteira/año de 1908". Nas lápidas da cara estreita de contra a poñente, lense epitafios de prosa arcaica: "Perdónales, Señor. Aquí descansan las cenizas de los ejemplares cristianos..."; "Beati mortui qui in Domino moriuntur"; "Aquí yacen las cenizas de la que en vida se llamó [...] Fiel esposa y modelo de madres cristianas".

O moimento coróase cun retorto baldaquino. Baixo o dosel, gorécese unha imaxe de pé encol dun cadaleito. No crucel do ciborio, desprega as súas ás un anxo crucífero tallado en mármore (prob., posterior). A carón dos catro pés do baldaquino, érguense sobre peaña cadansúa escultura: un hierático esqueleto ceifeiro (alegoría da morte), o arcanxo san Gabriel tocando unha trompeta (que espertará os mortos o día do Xuízo Final ("Tesalonicenses": 4, 15-17)), unha alma condenada, consumíndose no lume do inferno (entre as lapas albíscase a faciana histriónica do demo) e unha santa mártir (a palma como atributo), cecais, a santa Mariña.

Manuela Cortizo Medal é unha muller de 85 anos, veciña do lugar de Barro ("Viva Barriño de Arén!", cantaba en 1928 o célebre Gaiteiro de Soutelo). Dende ben nova, Manuela significouse polos seus extraordinarios dotes para o canto. De espírito xovial e emprendedor, cando acadou a xubilación, fixo realidade un dos seus soños: fundar unha agrupación musical ("Pandeireteiras de Barro de Arén") coa que axotar tristuras e espallar a cultura popular cerdedense alén das súas fronteiras. O seu entusiasmo e bo facer deron como resultado a gravación dun disco ("Cerdediño prós amores", 2006). Dignificou coa súa presenza o programa "Luar" da TVG, colleitando grande popularidade.

En 2008, a editorial Morgante, integrando a colección Cerdedo in the Voyager, editou un libro con 1.001 coplas do seu amplo repertorio e memoria prodixiosa ("Cantares de Manuela de Barro"). A 3ª edición enfeitouse coas ilustracións do pintor Francisco Sutil. En 2013, Manuela Cortizo recibiu o galardón "Mestra da memoria", outorgado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

A querida Manuela de Barro ponlle o broche de ouro a esta serie arredor da nosa riqueza patrimonial. Espílase o técnico de Turismo en prácticas solicitado pola autoridade, para vender a nosa singularidade en Fitur ou onde conveña. Non será por falta de alicientes. Fai máis quen quere ca quen pode.

Por certo, se hai alguén aí, importaríalles actualizar a web do concello, xa que, no que atinxe a recursos turísticos, o seu contido, reseso e inzado de erros, é contraproducente.

Para continuar leyendo, suscríbete al acceso de contenidos web

¿Ya eres suscriptor? Inicia sesión aquí

Y para los que quieren más, nuestras otras opciones de suscripción

Compartir el artículo

stats