A Bandeira non faltou á súa cita co patrón dos conductores, que terá continuidade na bisbarra coas celebracións previstas nos vindeiros días en Lalín e Agolada. O festexo comezou na parroquia silledense á unha da tarde coa misa solemne en honor a San Cristovo, oficiada polo párroco José Espiño Matos. Ao seu remate, na procesión, ao redor de oitenta vehículos, gran parte camións engalanados, percorreron as principais rúas da Bandeira, facendo do sonido do claxon a banda sonora do lugar. Mentres, preparábanse os mexillóns que, gratuitamente e como en cada edición, serían degustados polos asistentes.

"Cada ano máis vehículos asisten á procesión. Este ano viñeron, incluso, os membros dunha cooperativa da Estrada", afirma Luis Espiño, membro da organización. Porén, os asiduos aseguraban que este ano se vía menos xente que en anteriores ocasións. No campo da feira agardaba unha carpa para os que preferisen comer todos xuntos para continuar coa celebración entre amigos e compañeiros ata chegada a noite, na que estaba prevista a actuación das orquestras Atlanta e América.

Pola tarde, a partir das 19.00 horas, celebrouse o XXIV Festival de Baile e Música Tradicional de Xirandola, que este ano tivo como agrupación invitada a Malpais de la Corona (Lanzarote). Con este certame festexan o seu nacemento, no ano 1986, "mirando ao ceo", como en cada edición, desexando que non chova. Marita Casal, unha das profesoras da escola e das organizadoras do evento, explica: "Cada ano temos un grupo invitado de diferentes lugares de España; este ano, traemos un grupo canario, que leva aquí dende o xoves coñecendo a nosa terra. O que se pretende con isto é a convivencia de dous folclores diferentes, unir culturas". O financiamento do acto corre a cargo do grupo, coa colaboración do Concello, e coa boa vontade e predisposición dos veciños que colaboran, dos membros da escola e dos pais dos rapaces.