Dende onte e ata hoxe ás 14.00 horas, 32 postos de productos agrogandeiros atenderán a clientes e curiosos no pavillón deportivo de Lalín, que alberga este ano a cuarta edición da Feira da Sustentabilidade. Esta cita coa gandería e a agricultura ecolóxicas está organizada polo concello lalinense e o Sindicato Labrego Galego, promotor tamén dunha decena de ferias similares por toda a provincia.

Pero non se trata só de coñecer aqueles productos feitos á maneira de antes, senón tamén de recuperar oficios tradicionais -coma os dos ferreiros ou cesteiros de vimbio- e incluso actividades como a lectura, grazas a unha ciclobiblioteca que, ademais de pasear aos nenos por toda a feira, tamén lles presenta un abano de títulos literarios imprescindibles para a infancia.

Aínda que a cita feiral comezaba onte pola mañá cun obradoiro artesán e un curso de micoloxía con Hifas da Terra, a inauguración oficial foi contra o mediodía, coa presenza do director xeral de Desenvolvemento Rural, Edelmiro Iglesias, o alcalde lalinense Xosé Crespo e membros do SLG, ademais de varios concelleiros do goberno de Lalín. O discurso do alcalde incidiu na intención do Sindicato Labrego de promover mercados de proximidade e de venta directa que favorezan unha mellor alimentación e tamén a continuidade das pequenas explotacións, "xa sexa como hobby ou como actividade productiva, pero os concellos do interior precisamos destas feiras, para que os productos ecolóxicos non se vendan só aos ricos en establecementos como El Corte Inglés", engadía o munícipe. Crespo retomaba a xa vella idea do goberno de converter esta feira nunha cita mensual, coincida ou non coas outras dúas feiras do 3 ou o 18, e anunciou as pretensións do executivo local de lograr este obxectivo en 2009.

Polos e tenreira

Pola súa banda, Edelmiro López lembrou que Medio Rural desenvolve dende hai tres anos "políticas que freen e invirtan a tendencia do abandono do rural, e un dos métodos é a valorización dos productos alimentarios", apuntaba. No caso da feira de Lalín, o cliente pode atopar dende leite ecolóxico de O Alle ata ovos, tamén ecolóxicos, da firma rodeirense Avega -que onte ademais organizou un obradoiro de queixo-, ademais de licores de herbaluísa, un posto de aloe vera ou polos e galiñas autóctonos.

Hoxe, este mercado abre ás 11. 00 horas, mentres que ás 12.00 terán lugar obradoiros de artesanía en madeira, cerámica, pedra e ferro, ademais de aulas sobre cogumelos e queixo. Trala mencionada clausura, ás 14.00 horas, celebrarase unha degustación de tenreira sustentabel a cargo do restaurante Cabanas.