O primeiro ano da historia da Unión Deportiva Ourense foi para Jorge Paz "o máis especial". A forza e a ilusión de 1.200 abonados, un ha cifra imbatible para un equipo de Terceira Rexional en toda España, impulsaron a un club que partía dende cero a medrar axiña.

- A afección estivo aí dende o primeiro momento?

- Foi unha completa tolemia. Coido recordar que o día 15 de agosto de 2014 sacamos a primeira campaña de abonados e antes de que rematase o mes xa sumabamos entre 400 e 500 persoas. Ata Nadal de aquel ano non dispuxemos de oficina, por tanto montabamos unha carpa cada día no Paseo ou na rúa Ervedelo para captar abonados. O longo daquela tempada sumamos a cifra récord de 1.200 abonados, unha verdadeira xesta para un equipo de Terceira Rexional.

- A forza nos inicios do Club residiu na xente?

- Por suposto. Eu sempre o digo. Nos inicios sobre todo era xente que viña de quedarse sen fútbol e que non concibía os seus domingos sen ir ó Couto. Quedou claro que na cidade de Ourense necesitanse moitas cousas e, entre outras, proxectos coma este que vai case máis aló do fútbol. Para min é un movemento social da cidade e foi precisamente o apoio da afección o que fixo que o equipo medrase tan rápido. Aos catro anos de vida levabamos catro ascensos, igualando un récord a nivel español co equipo Universidad de Las Palmas.

- Tiveron tempo para asimilar todos eses éxitos?

- O certo é que non, o traballo no día a día era tanto que as veces non era posible deterse a pensalo. Foi todo moi rápido pero tamén era necesario para nós subir con celeridade porque precisabamos afianzarnos e obter estabilidade. É verdade que a moitos de nós, e dun xeito particular a min, nos daría igual estar en Terceira Rexional pero tamén é ben certo que a masa social que temos hoxe en día non sería viable se, por exemplo, estivésemos en Preferente.