Hai xa un lustro nacía en Vilagarcía unha nova peña do Real Clube Celta de Vigo baixo o nome Embruxo Celeste. Desde entón, aquela peña non deixou de medrar ata acadar agora un cento de integrantes e contar cunha sede social na rúa Blanco Amor, no entorno das Carolinas. Para festexar estes cinco anos de sufrimentos e ledicias varias, a peña vai celebrar o vindeiro sábado un acto social a partires das 18.00 horas, onde están convidados todos os membros, simpatizantes e amigos da mesma.

Guillermo González, presidente da peña, lembra os comezos, cando “eramos uns 40 e, desde entón, a peña non deixou de medrar, xa que contamos con que se incorpore máis xente de cara a vindeira tempada”. Como siareiros do Celta acoden a todos os partidos en Balaídos, e incluso, o vindeiro domingo, despois de festexar un lustro de vida, acudirán ao templo vigués para asistir ao partido Celta B-Deportivo da Coruña de 1ª RFEF.