Ciclismo

Desirée Duarte e Mauro González proclámanse campións de Galicia de Enduro

A Serra do Galiñeiro acolleu un autonómico marcado pola chuvia, a lama e a excelente cifra de participación

Podio na Serra do Galiñeiro.

Podio na Serra do Galiñeiro.

A épica envolveu o Campionato de Galicia de Enduro - Serra do Galiñeiro celebrado este domingo na parroquia gondomareña de Vincios. A chuvia das xornadas anteriores non deu tregua durante a competición, enlamando uns treitos polos que transitaron case 300 participantes. Neste exercicio de adaptación ás condicións, e sobre todo ao barro, Desirée Duarte (Condado Bike) e Mauro González (Salvaterra) adxudicáronse as coroas autonómicos nas categorías Elite.

A quinta edición do Enduro Serra do Galiñeiro, evento organizado polo club + Enduro MTB en colaboración co Concello de Gondomar e a Federación Ciclismo Galego (FCG), rozou o récord histórico de inscrición nunha proba desta especialidade do BTT en Galicia. Con once títulos en xogo, a saída e a meta estaban situadas ao carón da Asociación de Veciños de Vincios e o percorrido presentaba cinco treitos cronometrados nos terreos da Comunidade de Montes de Vincios.

"Bastante delicado", así definiu Mauro González o estado do terreo debido á erosión provocada pola chuvia e o paso de tres centenares de bicicletas. Os favoritos eran os últimos en entrar en acción, polo que as condicións que se atoparon eran peores. Nese escenario viviuse unha proba por eliminación entre os tres principais candidatos a marcar o mellor rexistro da xornada.

 Dos tres riders que o domingo anterior subiron ao podio na apertura da Copa de España en Ciudad Real, só Mauro González saíu indemne dos dous primeiros sectores no Galiñeiro. O máster-30 Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko) tivo un problema mecánico no primeiro parcial e o sub23 Nicolás Carrera (Justbikes Transition), o máis forte nas tres últimas edicións do Campionato de Galicia, sufriu unha caída no segundo tramo.

O máster-40 José Manuel López Vaqueiro (X Bikes) marcou o mellor rexistro no TC1 por diante de Mauro González, que fixo scratch nos tres seguintes. "Os treitos que máis se desfixeron foron os dous primeiros. Intentamos pasalos ben e atacar un pouco no TC3, porque era moi físico, aínda que nese sector non esperaba sacar tanta diferenza", sinalou o elite do Salvaterra, que se impuxo cun tempo final de 16:09.391 e por primeira vez dominou a nivel absoluto no Campionato de Galicia de Enduro.

A 19" de González rematou Vaqueiro e a terceira praza da xeral ocupouna o elite Francisco Vilaboa (Singletrack), scratch no quinto e último parcial. O sub23 David Fernández (Avanza-O Porriño), cuarto, e o elite Kevin Méndez (RocaSport Giant) completaron o top-5.

Dobre título do Avanza

Nas clasificacións por grupos de idade masculinos, David Fernández venceu nos sub23, con Zoe del Río (XSM) terminando segundo e Nicolás Carrera, terceiro. O Avanza-O Porriño conseguiu outro título co júnior André Martínez, oitavo na táboa scratch, e que na súa categoría venceu por diante de Marcos Estévez (PonteBike). Terceiro entre os xuvenís fixo Luis Cabaco (Coruxo).

En canto aos masters, nos 30 o gañador Javier Soto (Os Afiadores) estivo escoltado no podio por Jose María Romero (Pontebike) e Helder Fernández (Bici O Con), segundo e terceiro respectivamente. O ouro máster-40 retívoo Vaqueiro, colgándose a prata Pablo Mallo (+Enduro) e o bronce, Xacobe Melón (VK Bikes). Tamén repetiu título Adolfo Gallego (Singletrack) nos máster-50, grupo de idade no que o valenciano Víctor Atienza acadou a segunda praza, Carlos José Táboas (Québici-Marcisport) concluíu terceiro e o bronce autonómico recaeu en Jose Manuel Romero (Enduro MTB). Pola súa banda, Francisco Acevedo (Bici Verde) foi o único participante máster-60.

Menos distancia, tres tramos, tiveron que realizar os cadetes. Uxío Atrio (Academia Postal-Maceda) bateu por menos de medio segundo a Yerai Peláez (Coruxo) e terceiro clasificouse Hugo Rosendo (Farto). Noutras dúas competicións, sen títulos de campións de Galicia, Ricardo Barros e Alejandro López (VigoEnduro) venceron por parellas, mentres que nas e-bikes Gabriel Vaqueiro (Tribu del Ñu) non deu opción ao resto de pilotos e no apartado feminino subiu ao podio Juana María Vidal (Corbelo).

Regreso triunfal

Campioa de España por última vez no 2019, Desirée Duarte escolleu o Campionato de Galicia escolle para volver competir nun Enduro cunha bicicleta convencional. A ponteareá estableceu o mellor crono nos cinco sectores e recuperou o maillot autonómico cunha marca de 19:31.431 e 56" de marxe respecto a sub23 Alba Arias (CiclosQuintena), debutante nun autonómico desta especialidade. "Alégrome moito de que sexamos máis e poidamos competir un pouco máis entre nós", afirmou a gañadora.

Duarte, que estivo acompañada no podio elite pola segunda clasificada Gemma Chapela (VK Bikes) e por Isabel Castro (Condado Bike), tamén amosou a súa satisfacción por triunfar nunha proba "bastante dura, bastante embarrada. Facía tempo que non corría unha así. A min sempre me gustou o barro e pareceume moi bonita".

O terceiro dos títulos femininos non o deixou escapar a cadete Arantxa Gómez. A rider do Club Ciclista O Rosal apuntouse o duelo a tres treitos que protagonizou con Alejandra Díaz (Cambre).

As camisolas do Campionato de Galicia entregáronse nunha cerimonia de podio que contou coa presenza de Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar; Nuria Lameiro, concelleira de Deportes; José Manuel Chamorro, concelleiro de Seguridade; Rodrigo Artos, presidente do +Enduro; Minia Martínez, de Serink; Andrés Cacheda, xerente de Bici O Con; Marcos Araújo, representante da tenda Motoracing Bikes; e Juan Carlos Muñiz, presidente da FGC.