Ciclismo

Laura Mira dálle un triunfo internacional á Selección de Galicia de Ciclocrós en Valencia

A porriñesa foi a mellor júnior na proba de clase UCI C2 disputada no circuíto da canle do río Turia

Laura Mira, en plena competición.

Laura Mira, en plena competición. / Federación Galega de Ciclismo

A fin de semana da Selección de Galicia na Comunitat Valenciana pechouse este domingo cunha ciclista do combinado autonómico subindo ao podio. Laura Mira foi a mellor júnior no XXIV Ciclo Cross Ciudad de Valencia, proba catalogada de clase C2 no calendario da Unión Ciclista Internacional (UCI). A porriñesa, segunda o sábado en Xàtiva, liderou os resultados do ciclocrós galego no circuíto da canle do río Turia, onde a cadete María Filgueiras volveu facer segunda lucindo as cores do equipo cántabro Río Miera.

Nun percorrido rápido e técnico, Mira tivo de novo como principal adversaria polo primeiro posto xuvenil a Marta Cano (Bike Garrof). Despois de que a catalá se impuxera en Xàtiva nun axustado final, a galega superouna con claridade na capital valenciana. Entre as dúas houbo 1 minuto e 1 segundo de diferenza.

A corredora do Porriño cruzou a liña de meta cun tempo de 42:46, a 1:10 da elite e gañadora absoluta Lucía González (Nesta). Na clasificación elite-sub23 e júnior, Mira ocupou a undécima posición, terminando dous postos por diante de Irene Trabazo (XSM), novena entre as elites.

Mira, no podio de Valencia.

Mira, no podio de Valencia. / Federación Galega de Ciclismo

Do mesmo xeito que acontecera na véspera, Uxía Soto (Selección de Galicia) finalizou cuarta nas juniors e desta vez impediulle acadar a terceira praza Noelia Ortiz (Matrix-Salchi). Na actuación do quinteto xuvenil que presentou o combinado dirixido por Alberto del Río tamén hai que anotar a duodécima posición de Vania Gregores, a décimo terceira de Sarela Conde e o abandono de Sofía Álvarez.

Postos de honra

Sete corredores representaron á Selección de Galicia nas competicións masculinas e tres deles conseguiron postos de Top-10. Nun circuíto pouco propicio para as súa condicións, Miguel Rodríguez soubo adaptarse ás características do trazado valenciano. Terceiro mellor sub23 en Xátiva, nesta ocasión concluíu quinto na súa categoría e sétimo na táboa absoluta. O ponteareán completou a carreira elite-sub23 a 1:17 do vencedor Felipe Orts (Burgos BH).

Tampouco houbo grandes diferenzas na proba júnior cos catorce primeiros terminando separados por menos de 1'. A Fundación Teika, equipo que corría na casa, acaparou o podio. Ricardo Buba, segundo o sábado, tivo que conformarse coa sexta posición encabezando o bloque da selección autonómica: Iván Fernández (9º), Martín Sestelo (12º), Xano Gil (18º), Héctor García (23º), mentres que Hugo Martínez se retirou.

 Filgueiras, ao esprint

Unha segunda vitoria galega estivo cerca de chegar na carreira cadete feminina. A betanceira María Filgueiras xogouse o triunfo na recta final con Leyre Almena (Teika) e o esprint caeu do lado da gañadora en Xàtiva. Deste xeito, a betanceira do Río Miera despediu a fin de semana con dous segundos postos. Nesta mesma categoría os dous galegos en liza na proba masculina defenderon o uniforme do XSM, asinando Xoel Cidrás a décima praza e Santiago Otero, a décimo quinta.