Tres autores para unha ‘dramedia’

Lúa García, María Inés Cuadrado e Alberto Guntín gañan o premio da Asociación Sindical Galega de Guionistas: “O noso traballo ‘Acotío’ fala de cambiar a vida aos 58 anos”

patricia hermida

No máis cru do cru inverno, temos por diante días de ocio para ir ao cinema ou mergullarnos nas novidades das platormas. A ficción goza dunha saúde inmellorable, especialmente a feita con sangue galego. Como último exemplo, o traballo gañador do IV Premio Daniel Domínguez de guión en galego concedido pola Asociación Sindical Galega de Guionistas. O galardón foi para Lúa García, María Inés Cuadrado e Alberto Guntín como autores da comedia dramática Acotío. Unha dramedia cos toques máis exitosos do xénero: sorrisos, bágoas e unha protagonista encantadora.

O texto escribiuse a seis mans entre Lúa García (lectora de guións para TVE, nacida en 1996), María Inés Cuadrado (actriz e escritora de 1963) e Alberto Guntín (cunha recoñecida traxectoria na ficción, que tivo cargos directivos en xigantes como Netflix e nacido en 1973). “Eu traballo como analista autónoma de guións para TVE ademáis de presentar a concurso proxectos propios para facerme un oco”, indica a máis nova do grupo. Para Lúa García, gañar esta cuarta edición do Daniel Domínguez implica “recibir un premio ideal para conseguir financiación, para que se escoite o nome do traballo e podamos convertilo en realidade”.

Para esta muller formada na ESCAC (Escola Superior de Cinema i Audiovisuals de Catalunya), traballar con ilustres da ficción galega supón “unha aprendizaxe constante, para darme conta das miñas virtudes e defectos no guión... sempre é máis enriquecedor traballar en equipo que soa”. Esa colaboración amósase en Acotío: “Este traballo fala de cambiar a vida aos 58 anos, é un drama con toques de comedia, unha dramedia sobre a vida cotiá”.

A Coruña é o escenario escollido para esta historia, “que amosa a vida da cidade e tamén dunha muller de 58 anos, que está a tempo de que lle cambie moito a vida”. Atópase a protagonista “nun punto onde debería estar todo resolto, pero chega a ser consciente de que as cousas son moito máis sinxelas e de que hai que poñer límites á xente”. O anuncio dunha amiga que morre servirá de guía para aproveitar máis o momento.

Como coincidiron estes tres autores de diferentes xeracións? “María Inés é a parella do meu pai, ela tivo a idea do guion, gustoume moito e como acababa de facer o máster na ESCAC interesoume axudala”, explica Lúa. Aposta tanto por traballar as súas propias ideas como por escribir a dos demáis. Cando o texto de Acotío xa estaba avanzado, chegaron unhas axudas de Agadic e “contactamos con Alberto Guntín para ter outra visión desde fóra, nese sentido el axudounos bastante para dar os toques de comedia”.

O traballo de escritura entre tres autores resultou máis sinxelo do esperado: “Coa súa idea orixinal, Inés aportoume uns esbozos e eu desenvolvín a historia en forma de guion, Alberto propuxo máis cousas e aplicounas sobre todo no diálogo para levalo ata a comedia”.María Inés Cuadrado, ademáis de autora infantil e actriz de teatro, acaba de publicar un libro sobre a súa enfermidade Despertar mi alegría. Prácticas para tiempos de crisis (Medulia Editorial) e tamén lanzou a publicación ilustrada O Saxo de Miro (co concello de Rianxo).A traxectoria de Alberto Guntín inclúe codizadas pezas da TVG como Serramoura, Matalobos ou Padre Casares.

Esta obra gañou a traballos doutros destacados profesionais do audiovisual galego como Fon Cortizo, Ángela Andrade ou Fernando Tato. “É un incentivo máis e unha alegría recibir o premio entre xente tan recoñecida na industria, e sobre todo para min que acabo de empezar”, indica Lúa García. O éxito dun guión radica na súa transformación material no audiovisual ou no teatro. “O máis importante é que Acotío se convirta nunha película, estamos en busca de financiación e o premio é unha axuda”, indica este equipo.

No seu traballo como analista de guións para TVE, Lúa García le os textos e elabora informes “o que me axuda aínda máis para o meu traballo”. Ela estudou primeiro Historia da Arte, pero xa desde adolescente volcábase coa escritura. “Cando acabei esa carreira apetecíame formarme na escrita audiovisual, botei a solicitude para a ESCAC e decidín que no caso de que me aceptasen adicaríame a este mundo”, conclúe.