Inma López Silva salda contas co seu avó

A autora saca do prelo un ensaio e obra de autoficción para reflexionar sobre o fascismo

Xesús Alonso Montero e Inma López Silva, onte, no acto.

Xesús Alonso Montero e Inma López Silva, onte, no acto. / J. Lores

Mar Mato

Mar Mato

“Levaba tempo dándolle voltas a escribir sobre o meu avó e este libro recolle a súa historia, a historia de quen foi alcalde durante o franquismo durante 27 anos”. A escritora viguesa Inma López Silva adéntranos así na súa nova obra, “Quen non ten un avó fascista?” (Galaxia), que nos convida a reflexionar sobre a posición dos nosos antergos no golpe de estado de 1936 e os 40 anos de ditadura posteriores e que imaxe temos deles no caleidoscopio familiar e social.

Recoñece a novelista que “o libro –presentado onte en Vigo no Ateneo de Vigo xunto ao académico Xesús Alonso Montero– parte da necesidade de recuperar a memoria colectiva a partir da memoria familiar. O que houbo na nosa casa foi un silencio tremendo, o que me parece moi interesante porque tendemos a pensar que ese silencio só foi do lado dos vencidos e non, o silencio afectou absolutamente a todo. O medo e a represión estiveron presentes en todos os lados”.

Porén, o punto de partida real foi unha comida familiar na que a autora escoitou que o seu avó –Avelino López López, rexidor en Santiso, A Coruña– estivera “escondido no agosto de 1936”. Esa peza do quebracabezas acabou de enguedellar máis as lembranzas ao tempo que prendía lume para moitas preguntas.

“Sorprendeume moito. Para que se agochou un home que logo foi alcalde franquista? Tirei dese fío, investiguei e entendín case todo”, comenta López Silva.

Antes de coñecermos os detalles, debemos intentar pensar coa mentalidade dunha persoa de 1936 que comeza a ollar e escoitar que se está a axustizar a persoas sinaladas polos golpistas. Debemos deixar a un lado o maniqueísmo e escoitar antes de emitir unha opinión.

“El escóndese por ser mestre da República. O seu sogro fora militante socialista. Aí, vin unha explicación. Eles como tanta xente agóchanse no que non son. Eu defino o meu avó como un oportunista de supervivencia. Por iso é un ensaio, autoficción... un xénero mesturado. Trato de falar da retagarda, de tanta xente sen estar implicada politicamente que tivo que tomar decisións de onde debían estar nun momento tan convulso”, reflexiona a escritora galega.

Antes de xulgar, se cadra o óptimo sería reflexionar sobre que entendemos por fascista. “Xustamente o libro fala diso –recoñece– e ten un título provocador porque nun momento como actual no que temos fascistas no Parlamento debemos preguntarnos como foi a raigame da extrema dereita actual no país. O ditador morreu de vello na cama. Non todo o mundo foi un heroe, nin tivo ese compromiso republicano que tratamos de recuperar a través da memoria histórica. Corenta anos de ditadura e outros 40 de democracia cunha transición bastante mal feita só se explican desde esa cantidade de xente que sobreviviu como puido, que foi oportunista e que tampouco era exactamente fascista pero que sostiveron o réxime. É a saída do armario que nos falta e temos que recuperar a memoria (...) de persoas que fixeron o que puideron para non seren represaliados, para non seren asasinados”.

Lamenta Silva que se “impediu a memoria” no país coa “parvada de non afondar nas feridas. As feridas para moitos é o descoñecemento. Aquí houbo unha lei de punto final e iso non é suficiente”.