El Corte Inglés de Vigo acolleu onte a presentación de “A malferida”, a última novela da escritora galega Irene Rega Jul que se fixo con esta obra co Premio Illa Nova 2022.

No acto, participaron a autora así como o responsable da editorial Galaxia, Francisco Castro; e a directora de Comunicación e Marketing do grande almacén para Galicia e Asturias, Fuencisla Cid Rodríguez.

Irene Rega Jul, de Cervo, na Mariña lucense, ten publicados outros libros como “Si mi pierdo, tú me encuentras” (Chiado).

Irene Rega, autora da obra gañadora, destacou que este premio supón “unha lanzadeira para as creadoras mozas, unha forma de que as escritoras e escritores poidan acceder ao panorama literario”. Rega, que é unha gran lectora dende cativa e amante das historias, comezou a escribir as súas primeiras obras con 16 anos. Esta obra busca chamar a atención do público adulto cara unha realidade difícil, como é o acoso escolar. Unha problemática de desafortunada actualidade, na que aínda queda moito por facer.

Na novela “A malferida”, a protagonista Mariña sente terror cada vez que vai ao colexio. O seu único desexo é pasar desapercibida, ser invisible aos ollos dos acosadores.

Francisco Castro quixo agradecer a complicidade de El Corte Inglés para impulsar este premio e puxo en valor o talento que atesoura cada edición.

O director de Galaxia celebrou a continuidade e éxito do premio, que este ano suma a súa sétima edición.

Pola súa parte, dende El Corte Inglés, Fuencisla Cid sinalou que “seguimos impulsando e achegando a cultura á sociedade, defendendo un sentimento de pertenza e compromiso con Galicia e a cultura galega”.

A directora de comunicación animou a todas as persoas a participar nesta nova convocatoria que busca “estimular o talento mozo”.

A Editorial Galaxia convoca a sétima edición do galardón coa colaboración e complicidade do Ámbito Cultural El Corte Inglés, co fin de estimular a creación de autores e autoras menores de 35 anos.

A persoa gañadora ou gañador recibirá un premio de 3000 € concedido por El Corte Inglés, unha escultura simbólica conmemorativa do galardón, e a publicación da obra premiada.