Sesenta anos leva España acudindo ao festival de Eurovisión e sempre o fixo cunha canción en castelán. De feito, Massiel gañou co 'La, la, la' en 1968 despois de que Joan Manuel Serrat rexeitase participar. O músico ía ser quen a interpretase, pero renunciou porque non lle deixaron facelo en catalán. Será 2022 o ano en que se rache esa norma non escrita? Semella que os eurofans españois están a prol da idea. E é que nunha gran enquisa previa organizada por unha plataforma de seareiros do evento, 'Figa', das Tanxugueiras, foi escocillo entre outros 100 temas como o favorito para enviar a Italia a tentar rachar coa pésima racha española no festival.

En todo caso, a decisión sobre o representante do Estado español recae sobre RTVE, que parece decidida a mellorar o proceso de selección, despois dos malos resultados dos últimos tempos. Para iso, a principios de ano recuperará Festival de Benidorm para definir o gañador. O ente público inda non publicou as bases dese concurso, así que dende a oficina de comunicación do trió prefiren manter a prudencia. Iso si, elas "están moi contentas e agradecidas polo apoio do público e gratamente sorprendidas de que unha canción en galego, de base tradicional, interpretada por mulleres cantareiras e pandereteiras, guste tanto".

As Tanxugueiras, que co disco Contrapunto deron un paso cara adiante na súa traxectoria ao introducir elementos da música urbana nun repertorio de base tradicional, actúan mañá no festival Revenidas de Vilaxóan e o venres en Pontedeume. TRaballan, ademais, no que será o seu terceiro traballo.