Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A poesía da distopía

Cáccamo, Negro e Vaqueiro unen os seus versos en "Tres poetas en estado de alarma"

Vitor Vaqueiro, Pepe Cáccamo e Carlos Negro. // FdV

"Escribín dende os primeiros días do confinamento. Tomeino como unha especie de diario de supervivencia poética ante a sorpresa da situación. Ante a incertidume, decidiín que a poesía podía ser bo refuxio para expresar as miñas emocións. O xénero haiku pola súa brevidade e precisión era o máis adecuado para expresar o que ía pasando ó meu arredor", rememora Carlos Negro.

Esas visións verquéronse no seu Instagram, o que iluminou a Pepe Cáccamo. "Primeiro vin os poemas de Carlos nesa rede social e púxenme eu a facelo tamén. Cando xa tiñamos publicados bastantes, chameino por teléfono e propúxenlle facer un libro entre os dous. Mentres tanto, falei con Vítor Vaqueiro que non estaba nesta rede pero si estaba a escribir", lembra o autor.

Foi este o xermolo de "Tres poetas en estado de alarma", un libro necesario para estes tempos pero tamén no futuro para calquera que queira investigar sobre este pasado distópico. O convite destes tres bardos contemporáneos foi aceptado por Laiovento, editorial que este ano cumpre o seu 30 aniversario.

Se a expresión de cada poeta é diferente (Negro aposta por haikus -coronahaikus-; Cáccamo estréase en poemas curtos pero non tanto como o anterior; e Vaqueiro navega en relatos poéticos), o limiar asinado por Xavier Queipo dálles unidade como un "pórtico" como tamén o fai a temática e a súa visión similar do mundo, "crítica respecto á xestión política", sinala Cáccamo.

Ante a cuestión de se a crítica social era o fin, Cáccamo indica que "é unha perspectiva importante, si, pero nos meus poemas está o asombro; tamén o medo, esa sensación que aínda temos pero que no confinamento nos superaba. É unha distopía inconcebible. Séguemo parecendo", reflexiona ante o panorama colecivo de "derrotados por unha pandemia e polos ingredientes políticos" que lle "provocan impotencia e medo".

Respecto do verso no que avoga por "desinstalar o programa do poder", Cáccamo confesa que tivo "unha grande esperanza en que a posición solidaria da xente ía producir nun futuro inmediato a procura dunha nova sociedade; pero neste momento estou decepcionado. Non vexo saída fácil nin para a pandemia nin para a humanidade".

Vitor Vaqueiro lembra que "esencialmente escribín para concretizar unha serie de cousas que vía e non me gustaban que correspondían ós poderes públicos ou a comportamentos individuais...".

"En forma de breves relatos quería deixar constancia dun tempo difícil e extraordinario", engade. A lectura de "Generais" é obrigada porque nela lembra a identificación do léxico militar e médico. "Viume á memoria o golpe de estado de Chile no 1973. Saía Pinochet con tres xenerais ó pé del. Aquí, saíron Fernando Simón, o ministro de Sanidade e o director da Garda Civil, o da Policía Nacional e un do exército. Á hora de falar dunha pandemia,que teñen que dicir esas tres últimas persoas? Foi, creo, o único caso en Europa. Eu véxoo como unha manifestación do franquismo. A democracia no Estado español é feble", opina.

En "Varandas" critica "o ritual de vacuidade infinda" que foron para el os aplausos:"Neses aplausos vexo certa dose de inconsciencia. Aplaudían ós sanitarios. Non sería mellor mobilizarse e obrigar ó poder político a poñer as medidas precisas os sanitarios non estivesen ó límite?".

Esta visión enlaza coa de Carlos Negro e "Ilusorio aplauso" pero tamén con "A utopía ronca no sofá". "As nosas reivindicacións pasaron a un segundo plano e conformámonos con sentar no sofá e seguir vivos vendo unha serie calquera. Hai moitas cousas polas que loitar", defende o escritor.

Compartir el artículo

stats