O xurado do Premio Nacional de Poesía propuxo a Olga Novo Presa ser galardoada co Premio Nacional de Poesía, correspondente a 2020, pola súa obra 'Feliz Idade' (Kalandraka). O galardón, outorgado polo Ministerio de Cultura e Deportes, está dotado con 20.000 euros. Trátase do segundo recoñecemento para a poetisa nas últimas semanas, posta que gañou o Premio Nacional da Crítica Española en Poesía Galega.

O xurado elixiu esta obra "porque é unha historia vitalista que celebra o amor e a existencia alén do tempo. O libro é unha criatura viva que relaciona a maternidade e a morte cunha profunda presenza crítica da memoria histórica". Tamén resaltou que "a voz poética de Olga Novo, inconfundible e poderosa, combina autenticidade e verdade e distínguese pola súa linguaxe visionaria que achega ao contemporáneo o eco ancestral de toda unha tradición literaria".

A mesma obra recibía hai pouco tempo o premio da crítica na súa modalidade de poesía galega e tamén foi elixido o mellor libro de poesía na Gala do Libro Galego. Nesta obra, a autora toma o mesmo centro da existencia, da vida, como fío condutor para levar ata o lector o seu mundo interior dende varias perspectivas e compartir así a súa felicidade, o seu entendemento dos cambios, os adeuses e as benvidas.

O libro pertence á colección Tambo da editorial Kalandraka, que xa ten no seu haber outro Premio Nacional de Poesía, 'Os ángulos da brasa', de Manuel Álvarez Torneiro, que recibiu o galardón en 2013.

Biografía

BiografíaOlga Novo (Vilarmao, A Pobra do Brollón, Lugo, 1975) é doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela. Destacada voz da poesía contemporánea en galego, é autora dunha obra vinculada a propostas surrealistas e libertarias radicais, marcadas tamén por un profundo vitalismo telúrico, feminismo, memoria agraria e erotismo. Isto reflíctese na antoloxía 'Los líquidos íntimos' (Cálamo, 2013), onde Olga Novo traduciu unha parte esencial da súa obra ao castelán, tamén ofrecida no seu idioma orixinal.