Síguenos en redes sociales:

"María Solinha" inaugura o autocinema

O novo filme de Ignacio Vilar inicia as proxeccións para lidiar coa pandemia e concienciar sobre a violencia contra a muller

"María Solinha" inaugura o autocinema// Vía Láctea Films

"O primeiro autocinema da historia de Galicia", como di Ignacio Vilar, organizouse onte á noite en Verín (Ourense) para amosar o novo filme deste director galego, "María Solinha". "Montámolo para 200 coches, pantalla de seis metros; o son escóitase na radio cunha frecuencia FM que tivemos que mercar. Este formato xa o temos pechado para Trives, A Rúa, Toén, Foz, Valdoviño... A miña idea é chegar a 50 autocinemas, sempre en capital de comarca. Vai ser toda unha experiencia", engade o realizador.

Vilar fala contento. A película foi estreada en Redondela o pasado venres; proxectada o sábado en Cangas, con bo retorno de críticas dos espectadores que "entenderon a mensaxe". Esta -rodada en galego como os filmes anteriores do realizador, "Pradolongo", "Vilamor", "A esmorga", "Sicixia"- viaxará, en breve a "un dos grandes festivais italianos, na sección oficial", só queda o anuncio oficial por parte do certame, adiante Vilar.

Mentras, en Galicia, o filme prosegue as súas proxeccións ó aire libre por sorte ou por desgraza por culpa do coronavirus. Cando se iniciou o confinamento, a película xa estaba rematada. "Tiñamos -lembra o realizador galego- todo preparado para a promoción en Galicia, Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Bilbao... para facer unha gran campaña e, de súpeto, interrumpiuse o proceso. Aí, foi onde xurdiu a nova idea. Se non podemos estrear nos cinemas, pois imos a tódolos concellos de Galicia".

A día de hoxe, xa teñen pechadas as proxeccións en máis dun cento de concellos inda que agardan chegar ós 200. "A ledicia máis grande é que temos pechados catro municipios en Zamora, onde falan galego, e no norte de Portugal", engade Vilar.

A única sombra, de momento, atópase nas salas comerciais. "Non imos estrea-la película en ningunha cidade que teña cinema comercial. Non queremos ata que abran os cinemas ó 100 por cento. Tal e como vai a situación as salas non volverán á normalidade, polo menos, ata dentro dun ano. Así que María Solinha espera e mentras percorremos toda Galicia", afirma.

Pero, que historia conta "María Solinha"? O director sitúa o espectador ante unha compañía de teatro que busca representar en Cangasa historia desta muller torturada pola Santa Inquisición acusada de bruxa, inda que detrás do martirio había outras causas. As actrices e actores escollidos por Vilar dan vida a personaxes do século XVII relacionados con ese episodio pero tamén a persoas do XXI cuxas problemáticas unen pasado e presente como se nada mudara en catro séculos.

O xermolo do filme hai que buscalo "na opresión que viviu a muller nos últimos anos, con moitos xuíces sen condear esa violencia. Eu fago cinema e é miña maneira de aportar algo para ver se matamos ese dragón", aclara o director.

"O dragón da Festa da Coca de Redonela (que aparece na película) secuestraba mulleres e as levaba á cova para violalas e denigralas. Por desgraza, segue vivo", reflexiona. Ese lugar onde se presentou o filme en Redondela o pasado venres, explica Vilar, "era onde ía o dragón secuestra-las mozas hai séculos porque ata aí chegaba a ría de Vigo. Se nos fixamos atentamente, pode seguir o dragón con outro aspecto do século XXI".

O director advirte que pensa no espectador "coma un ser creativo, non pasivo, para participar na creación da historia. Hai un momento, feito a propósito no que o espectador se mete nunhas regras de xogo e despois chega un momento no que te decatas se estás en ficción, se é realidade; se é século XXI ou se é século XVII. A proposta é perderse para volver atoparse".

A protagonista é Grial Montes que, con 22 anos fai a súa primeira película aínda que non rematou os estudos na ESAD. "Dá forza e fraxilidade representando a María Solinha e a Navia (o personaxe do século XXI) que transita por un arco de emocións para ó final adoptar o propósito de ser unha muller libre", resalta o director. Xunto a ela, Laura Míguez representa tamén dous personaxes, Adela Malvida e Elba, aportando seguridade e sabeidoría. Tamén no elenco, atópanse Santi Prego, Mabel Rivera, Morris e Mela Casal.

Pulsa para ver más contenido para ti