O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, considera que "a cultura galega nunca estivo tan viva como nestas datas" nas que, debido ao confinamento polo Covid-19, as visitas aos contidos didácticos e divulgativos que a institución colgou na web hai meses multiplicáronse por tres en seis semanas. "Se aceptamos que unha sociedade e unha cultura é, fundamentalmente, un espazo de comunicación, a cultura galega nunca estivo tan viva", indicou Freixanes nunha entrevista con Efe con motivo da celebración este domingo do Día das Letras Galegas, que este ano homenaxea a Ricardo Carvalho Calero. Debido ao estado de alerta ao que obrigou esta pandemia, a RAG tivo que atrasar o tradicional pleno extraordinario que se ía a celebrar este 17 de maio ao próximo 31 de outubro en Ferrol, cidade natal do autor festexado este ano e en coincidencia co seu 110 aniversario.

No seu lugar, a academia conmemorou esta festividade cun acto simbólico na porta da casa onde viviu os últimos anos Carvalho Calero en Compostela, ao pé da placa que no seu día colocou o Concello. Alí, o presidente da RAG depositou un ramo de rosas brancas e despois interpretaráse o Himno de Galicia. "Todo á espera de que esta situación se regularice e que nos próximos meses aos poucos podamos ir recuperando a normalidade", confía Freixanes. Está previsto retomar tras o verán as celebracións presenciais do ano de Calero.

O presidente da RAG amósase convencido de que esta crise sanitaria que impediu a celebración tradicional do Día das Letras Galegas "non afecta en absoluto" ao sentimento festivo por este día, pero ás celebracións presenciais si, como o plenario da institución.

Con todo, esta contrariedade puxo de manifesto "un dos aspectos máis significativos da celebración do Día das Letras Galegas nesta edición 2020 e é, precisamente, a enorme actividade que se está tendo lugar aproveitando as posibilidades das novas tecnoloxías da comunicación".