Nas últimas semanas un grito de SOS sentiuse polas redes, unha chamada da cultura, que tamén quere sobrevivir á crise provocada pola pandemia. O cinema é unha das vítimas do confinamento: canceláronse estreas e rodaxes e, aínda que o peche conleva un consumo como nunca de produtos audiovisuais, as salas cuestiónanse o seu futuro. Neste contexto, o vigués Álvaro Gago, recoñecido por "Matria", que entre outros gañou o gran premio do xurado de Sundance á mellor curtametraxe en 2018 e nominación ao Goya, loita por poñerse de longo e sacar adiante "Algo parecido á felicidade", un proxecto complexo por ser unha "primeira película en galego" e cunha porcentaxe, aínda non sabe canta, pero "bastante", de caras "descoñecidas".

Polo de agora, o proxecto está nunha fase incipiente e, para Gago, están a ser un "bálsamo moi importante" axudas como a que recibe de "LA INCUBADORA", que apoia o filme con dez mil euros e titorías con referentes do cinema -como pode ser o director de "Blancanieves", Pablo Berger- que, polo de agora, explica Gago, están a ser a distancia e que teñen de meta, explican dende a entidade, axudarlle a armar un "bo proxecto con perspectivas de rodaxe" e distribución. "A min éncheme de enerxía poder seguir traballando no proxecto e facelo titorizado porque todo o demais se me cancelou", di Gago.

EN DIRECTO

Coronavirus en Galicia: última hora

Sigue las noticias sobre la incidencia de la pandemia del Covid-19 en la comunidad

Esa mentorización tamén permite, conta, poder "testar a película dende unha etapa moi embrionaria" e ver a "interese que poida xerar en diferentes compradoras". Ademais, LA INCUBADORA estalle permitindo ter "unha vía económica aberta" cando "todo o demais" se lle "cancelou". Porque si, ter "éxito" axuda, pero quere facer unha primeira película en galego e que combinará actores profesionais e non profesionais e di que "non hai precedentes" de televisións apoiando obras así. "TVE entrou en "O que arde", pero fíxoo a posteriori, cando a película xa levara un premio en Cannes", comenta. "A traxectoria pode axudar", recoñece, pero é benvido "todo" o apoio que poida conseguir "e as recomendacións, porque LA INCUBADORA é un bo selo, dáconfianza, e espero que lle dea confianza ás televisións para apostar polo proxecto".

O guión de "Algo parecido á felicidade" "está bastante avanzado", comenta, pero "aínda poden cambiar cousas". A "semente" é a mesma de "Matria", que protagonizou Francisca Iglesias, unha muller real, e na longametraxe trátase de "expandir o universo" que comezaron a escarvar daquela coa personaxe de Ramona. "Todo segue partindo de Francisca. Está situada no mesmo contexto xeográfico e social, pero a personaxe é diferente. Para empezar ten arredor de dez anos menos", explica Gago, quen engade que "seguramente estará no filme", pero "aínda" descoñece "en que papel". Tampouco descarta volver a Vigo para filmar, como na anaterior curta, "16".

A obra, prosegue, trata de "afondar" en quen é esa persoa e que "ferramentas pode ter tamén a tiro para combater esa realidade que lle ven un pouco imposta, como pode nadar contra corrente e chegar mesmo a conquistar a súa vida". Francisca, di Gago, "é unha personaxe moi complexa e deixei moitos flocs na curta porque non tiña tempo de facer un retrato con todas a súas capas" e agora, sinala, pretende tamén "facerlle xustiza".

Gago explícao: "Hai unha urxencia social un pouco personificada en Ramona". "Todo o que sexa contribuir a un proceso igualitarista con calquera tipo de traballo creativo que fago paréceme importante", subliña. "Porque mulleres como Ramona, e homes, están nestas condicións en que vivimos moi oprimidos e penso que é urxente abordar a súa situación". Igual é moi "naíf" ou "utópico", concede, pero asegura que "sempre" ten "esa urxencia en pro do beneficio común" cando traballa, ademais, admite, de "saciar" a súa fame creativa.

Gago únese ao chamamento para non deixar polo camiño a cultura, "un ben de primeira necesidade", durante a crise provocada polo coronavirus. "É o que nos fai humanos e prescindir dela é camiñar cara o pensamento único. A cultura fainos fortes fronte ao odio e danos esperanza e ilusión. No contexto específico desta crise, penso que nos axudará a expresar toda a nosa dor e nos cohesionará como sociedade", proclama.