Dende a aplicación do decreto do estado de alarma pola crisis do coronavirus, que ten á poboación confinada nas súas casas, os salóns sirven de aula, de despacho e mesmo de sala de concertos. Cada vez son máis as iniciativas que baixo o lema #EuQuedoNaCasa propoñen fórmulas para evitar o aburrimento e encher o oco que deixaron as cancelacións de todo tipo de eventos. Os festivais de música non ían ser menos e xa están a funcionar aproveitando as posibilidades que ofrecen as redes sociais para levar a música ata as casas.

O proxecto Yo Me Quedo En Casa Festival xa vai pola segunda edición con máis de 60 artistas, entre os que se atopan os viguese Basanta, ofrecendo concertos a través das súas contas de Instagram. Neste contexto, Galicia non fica atrás grazas á iniciativa Son Da Casa, un festival que se propón levar o popular campo da festa ás redes sociais.

Máis dunha veintena de artistas galegos, entre os que se inclúen Grande Amore, Verto, Oh! Ayatollah ou Son Da Rúa poñen a música druante este venres e sábado nos seus perfís de Instagram. Dende a organización, destacan que o obxectivo é "visibilizar o talento que hai en Galicia" dentro da oferta de festivais de carácter estatal que xurdiron en streaming e nos que "había moi poucos grupos galegos".

"Non queriamos facer unha mera copia, queriamos levar o campo da festa a Instagram e que se respirase a forma de vivir as festas que temos en Galicia". Por iso, o Son da Casa inclúe tamén "unha sesión vermú e un peche de festa cun cantante da París de Noia".