O sistema literario galego vive estes días unha intensa polémica nas redes sociais; semella que o "sistemiña" -como lle chama algún dos involucrados na lea- chegou aos usos e costumes dos anos 20. A chama que prendeu o lume -azul ou non- foi un artigo que o escritor vigués Pedro Feijoo publicou no primeiro número do anovado suplemento dominical do FARO, Estela +.

Aquel texto, escrito en castelán, provocou que unha parte do mundiño literario galego criticasen con dureza a Feijoo por non utilizar o idioma propio e, xa de paso, por outras cuestións, coma a calidade literaria e lingüística dos seus libros e mesmo por manter castelanizado o seu apelido. O vigués vén de publicar nos últimos meses a súa última obra, Un lume azul, nas dúas linguas, como adoita facer.

O ruxe ruxe, con partidarios e detractores a cruzarse mensaxes en plataformas varias, foi in crescendo estas semanas, pero Feijoo adaptou, de inicio, unha postura de deixar pasar. Até que onte estalou na súa conta de Twitter.

"Desde 1997, entre ensaios e narrativa, levo publicadas máis de 3200 páxinas en galego. Probablemente ningunha boa, pero todas en galego. Ata a música a compoñía en galego. Escribía en galego cando non me comía unha merda, e sigo escribindo en galego cando as cousas me van ben...", era a primeira mensaxe dun longo fío cheo de carraxe.

Sobre a acusación de evitar o léxico autóctono menos accesible, contesta: "É a última explicación que dou: emprego un galego sinxelo de maneira moi consciente porque sei perfectísimamente que é a vía perfecta para traer a ese sistema que tanto dicides defender decenas de milleiros de lectores dos que ese mesmo sistema non anda precisamente sobrado..."

O fío -"se non vos gusta o que escribo, non me leades", vén a concluír- suscitou numerosas reaccións, coma o do xornalista e escritor Santiago Jaureguizar, o novelista Pablo Fernández Barba ou o ensaísta David Rodríguez, que pon un punto de distancia para facer unha observación sobre a relevancia social da novela hoxe en día.