Tres días e todo un mundo freaky en cinema. É a proposta para a segunda edición do Galician Freaky Festival. A programación presentouse onte na Sala Videodrome. Segundo os propios organizadores, o templo do frikismo vigués.

Dende o 24 ó 26 de outubro, preto de 40 filmes nacionais e internacionais procedentes de países como Rusia, México ou Países Baixos forman parte da sección oficial escollida entre case 200 propostas achegadas.

"Hai pezas que veñen de Sitges ou de Nocturna" -comentou Juan De Castro, director do certame- "que son a primeira vez que se verán en Galicia".

"A programación complétase con dúas exposicións, dúas actuacións en directo, cervexas silvestres, aliens por todos os lados, sorpresas e o método máis ruidoso posible para seleccionar as mellores curtametraxes: o clásico aplausómetro noventero", engaden desde o Festival nunha nota.

A inauguración correrá a cargo de Caspervek Ensamble que musicalizará en directo Nosferatu, unha sinfonía do horror, o gran clásico expresionista do mestre F.W. Murnau e todo un referente do cinema de chupasangues o xoves 24 ás 19.30 horas.

O venres 25 será unha xornada de frikismo intenso con varios pases diferentes agrupados por xéneros nos que se poderá gozar e rir a cholón no Serán de Humor Freak Vol. 1, tratar de explicar o inexplicable na sesión Que carallo é isto? ou chorar, berrar e ata abrazarse ó do lado na Noite de arrepío.

Xa o sábado 26 chegará o momento do Serán de Humor Freak volume 2, no que os organizadores prometen poñer a pel de galiña.