Pasou coma unha cicloxénese explosiva Rosalía pola gala dos Goya coa súa inesperada e audaz versión de 'Me quedo contigo (si me das a elegir)', de Los Chunguitos. A interpretación, cun coro como único respaldo para a súa voz, converteuse no tema de conversa estrela nas redes sociais, coa habitual liorta entre usuarios que xenera todo o que fai a cantante.

Pero a omnipresente catalá non é a primeira que versiona ese tema dos estremeños: os Ataque Escampe publicaron o último día de 2018 un disco dobre, Ídolos adolescentes / A vida dos animais, no que se recolle unha revisión da canción.

A banda compostelá arranxou a peza en chave cumbia-rock fronteiriza para a festa aniversario do Cineclube Compostela do ano 2017, onde tocaron baixo o case indescifrable pseudónimo Gauteque Escampe, e gravárona no estudio As Gonzalinhas, de Lalín.

Outro artista de orixe galega, Manu Chao, tamén versionou o 'Me quedo contigo (si me das a elegir)', neste caso co seu inconfundible selo.