A marcha de Manuel Bragado da dirección da editorial Xerais leva acaparando comentarios dos tuiteros galegos desde a tarde de onte. Son moitos os que lle agradecen, algúns empregando o hashtag #GrazasBragado, o seu labor como defensor da cultura e da lingua galegas nos últimos trinta anos.

O escritor Manuel Rivas, que presentará en maio o seu último libro,"Contra todo isto", editado por Xerais en galego, foi dos primeiros en reaccionar á noticia e dixo de Bragado que "encarna a decencia ordinaria". "Coa mellor madeira da Humanidade non hai adeus senón rexurdir", salientou Rivas na súa conta de Twitter.

"Nada somos se non hai quen nos dea espazo, voz, azos. A xenerosidade e os afectos, o compromiso co colectivo e coa xustiza", destacou a escritora María Reimóndez.

Suso de Toro, que leva editando os seus libros con Bragado desde que este chegou a Xerais, tamén lle manifestou os seus azos nesta nova etapa, na que o vigués regresará ás aulas como mestre.

Os escritores Antonio Fraga, Marcos Calveiro, Manuel Esteban e Pedro Feijoo tamén mostraron a súa tristeza por esta marcha e explicitaron os seus azos dirixidos ao editor vigués, que levaba 24 anos ao frente da dirección de Xerais.

"O mundo da edición en galego perde a uns dos seus grandes pilares fundamentais", manifestou o debuxante de cómics Kiko da Silva.

A escritora viguesa Ledicia Costas empregou a mítica escena de "O clube dos poetas mortos" e se referiu ao seu editor como "o meu capitán".

Agradeceu o seu traballo visíbel "mais sobre todo polo invisíbel" a escritora Mercedes Queixas Zas.

Santiago Lopo, gañador do último Premio Xerais de Novela, deulle as grazas "por rescatar tantas das nosas historias da brétema e darlles vida" desde o catálogo da editorial.