O Galician Film Forum estrea "Santoalla" en Londres
A cinta, un documental que funciona como un thriller, poderase ver no King´s College da capital inglesa

Fotograma de "Santoalla".
Redacción // Vigo
A oitava edición do Galician Film Forum (GFF) acollerá este venres, 23 de marzo, a estrea en Londres do documental "Santoalla", dirixido por Daniel Mehrer e Andrew Becker. O acto será na universidade King´s College de Londres (18.45 horas, no Strand Campus, Edmond J Safra Theatre) e terá entrada gratuíta, pero cómpre reservala con antelación neste enlace. Tras a proxección haberá un coloquio a través de videoconferencia con Cristina de la Torre, coprodutora da cinta.
"Santoalla" proxectarase en versión orixinal con subtítulos en inglés e o encontro celebrarase en inglés e galego. Toda a información relativa ao evento pódese consultar na páxina web do GFF (galicianfilmforum.gal). Esta edición do GFF conta de novo co apoio do departamento de Spanish, Portuguese and Latin American Studies do King´s College London.
O documental xira arredor da misteriosa desaparición de Martin Verfondern en xaneiro do 2011 na aldea galega de Santoalla. Verfondern e mais a súa muller, Margo Pool, establecéranse nesta remota paraxe logo dunha viaxe polo sur de Europa na procura do lugar perfecto para cumpriren o seu soño: vivir no campo, afastados das complicacións urbanas. A parella holandesa atopou en Santoalla o seu paraíso perdido e aínda que ao primeiro convivía en harmonía coa outra familia residente, axiña comezou un tenso conflito entre ambas as dúas familias que alcanzaría o seu clímax coa súbita desaparición de Martin.
Fascinados pola historia, os directores estadounidenses Daniel Mehrer e Andrew Becker decidiron rodar unha obra na que mesturaron o material filmado por eles coas gravacións de vídeo do propio Verfondern e as imaxes de arquivo dos medios de comunicación. O resultado é unha película a medio camiño entre o documental e o cinema de suspense, onde a tensión se mantén ata o final malia a que o tráxico desenlace da historia poida ser coñecido de antemán polo público.
Dende a súa estrea en Edimburgo no 2016, "Santoalla" proxectouse xa en case unha trintena de festivais de todo o mundo e recibiu galardóns como o de mellor película documental no Austin Film Festival (2016), o Gran Premio do Xurado no Lighthouse International Film Festival (2016), o premio á mellor montaxe no Salem Film Fest (2017) e o Premio ao mellor filme estranxeiro do Cervino CineMountain (2017).
O GFF naceu no 2015 no seo dun grupo de galegos emigrados a Londres co obxectivo de crear un espazo para a difusión do cinema galego na capital británica. A súa actividade articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cinema e a cultura galega en termos universais.
- Bañeras de mármol y piezas de la balaustrada de hace un siglo entre los restos del derribo del antiguo balneario do Outeiro: la Xunta pide a la Policía Autonómica que acuda al inmueble
- El eclipse desde los cielos gallegos: un avión privado desde Suiza a Peinador, dos A400M militares franceses y decenas de avionetas en el interior
- Ya está el calendario escolar 2026-2027 en Galicia: fechas de inicio de curso, vacaciones y claves para la conciliación familiar
- «A Xeitosa» cumple un siglo: cinco generaciones unidas en Vigo alrededor de la casa de Gómez Román
- Muere el músico y diseñador gallego Víctor Coyote a los 68 años de edad en un accidente de bicicleta
- Qué supermercados, tiendas y centros comerciales abren en Vigo este 15 de agosto: todos los horarios
- ¿Qué hay detrás de los vertidos fecales que afectan a la ría de Vigo?
- Dispositivo de la Guardia Civil para intentar localizar a Jaime, un vecino de O Hío desaparecido