Cada vez son máis os estudios sobre a riqueza forestal, animal, paisaxística e mesmo etnográfica ou cultural sobre calquera recuncho do Val Miñor. Moitos veciños da comarca coñecen ben e valoran a biodiversidade da marisma da Foz, os petroglifos e mámoas espallados pola zona, os kilómetros cadrados de montes por descubrir... Pero poucos se fixan nos accidentes xeolóxicos nin, por suposto, na valiosa información que conteñen. Chegou o momento de que os miñoranos cambien esa actitude e, para iso, contan co libro "Os cotos de Chaín", que recolle información sobre estas formacións graníticas milenarias que se agrupan na parroquia gondomareña.

As profesoras de ciencias Purificación González e Margarita Miramontes son as autoras deste estudio que ofrece información sobre os doce cotos máis visibles e frecuentados da zona e que se presentará hoxe ás oito da tarde no Centro Cultural de Chaín coa presencia do tamén profesor Fernando Lahuerta.

Valor

Os veciños poderán saber algo máis sobre as enormes rochas de granito que conviven con eles e coñecer a súa utilidade en canto lean o libro. Purificación González destaca o "valor didáctico e científico" dos cotos. "A través destas pedras podemos estudiar a evolución do relevo en millóns de anos. As pedras son a historia da terra, só hai que saber lelas. Estas, en concreto, reflicten a historia da Serra do Galiñeiro e do Val Miñor", explica.

As formas caprichosas, como a das cavidades no "Coto do Castelo" ou as pías do "Coto da Teixugueira"; a vexetación específica que nace xunto a estas formacións, como as sobreiras, ou mesmo a fauna que se atopa ó seu redor forman parte deste estudio.

Pero o libro non só aborda a parte física dos cotos, senón tamén a mitolóxica. "Moitas veciñas vivas contan as historias relacionadas cos outeiros. Din que existe un túnel que comunica os cotos do Morxón e da Moura. Segundo a lenda, nese corredor hai ouro e prata, pero ninguén se atreveu a excavar para comprobalo", engade a coautora do estudio.