Entrevista | Anxo Rodríguez Lemos Doutor en Historia e cronista oficial de Baiona

O novísimo cronista oficial de Baiona: “A historia da vila é moito máis ca unha Arribada”

O nomeamento de Anxos Rodríguez Lemos, de 29 anos, abre hoxe os actos da festa de interese turístico internacional

Anxo Rodríguez Lemos, a bordo da réplica da carabela "La PInta".

Anxo Rodríguez Lemos, a bordo da réplica da carabela "La PInta". / Ricardo Grobas

O cargo asóciase polo xeral a unha persoa veterana e xubilada, con tempo para o estudio da historia e do acontecer diario dunha localidade. Anxo Rodríguez Lemos ten só 29 anos e está moi ocupado cunha intensa actividade laboral e académica. Pero se hai unha persoa idónea para ser cronista oficial de Baiona é el. Doutor en Historia, imparte clases nas universidades de Santiago e Coimbra e non deixa de investigar en ningún momento, pronto marcha a México no marco dun proxecto sobre as súas tribos... A Comisión de Honores e Distincións do Concello de Baiona aprobou hai dez meses o seu nomeamento, que hoxe se fará oficial ás 12.00 no salón de plenos. O acto abre Festa da Arribada, coa que a vila real retrocede a 1493 toda a fin de semana para conmemorar a chegada da carabela “La Pinta” coa primicia do Descubrimento de América.

–O seu co estudio de Baiona é amor desde moi noviño... Case se pode dicir que é cronista oficial de nacemento. Sempre quixo selo?

–Non sei se tanto, [ri]. Orgullo e ilusión sinto, desde logo. Digamos que na casa, co arquivo de fotografías e documentos que gardaba a miña bisavoa Aurelia Otero, descubrín unha vocación. Logo marcáronme o profesorado do colexio de Fontes e varios profesores do instituto 1º de Marzo e a guinda púxoa Xosé Lois Vilar [arqueólogo, experto en toponimia, divulgador e vicedirector do Instituto de Estudos Miñoráns].

–Será un cronista ofiical precoz como precoz foi na investigación, non si?

–Comecei no 2009 cando tiña 14 anos, en 2º da ESO, cun traballo de toponimia. Iniciei daquela a colección de postais de Baiona e teño máis de 200 desde finais do século XIX. Con 15 anos entrei por primeira vez no arquivo municipal, sendo encargada Delia Garbín, e pasei varios veráns de estudio intensivo. Daquela entrei en contacto coa xente do Instituto de Estudos Miñoráns, que me regalaron moitos libros, e participei con eles nun congreso da Universidade de Vigo.

"O meu obxectivo é dar luz sobre momentos da historia que non son tan coñecidos"

–Tiña que ser historiador si ou si.

–Desoíndo todas as recomendacións de orientadores do instituto polas saídas laborais matriculeime en Historia, si,e doutoreime cun traballo sobre os santuarios de Galicia que comezou cun estudo sobre Santa Liberata. Agora acadei unha bolsa posdoutoral da Xunta ata 2026 e estou contratado pola Universidade de Santiago. Estou en Coimbra este ano, para o ano volvo a Roma investigar e o 8 de marzo marhca a México para investigar as tribos, aproveitarei para estudar a figura de Lorenzo Correa, baionés e promotor da que hoxe é a casa do Concello, emigrado en Cuernavaca e encargado da loita de galos alá.

–Baiona sempre está presente nos seus traballos.

–Desde logo. Nos artigos que teño publicado en revistas de historia sempre sae algo de Baiona. Estou seguro que nas investigacións académicas que faga sairá.

–Que proxectos ten como cronista?

–Hai moitos traballos de eruditos como don Héctor Barreiro [o seu antecesor ata que faleceu en 1996], Herminio Ramos, Avelino Sierra, Antonio de Mauricio, Salvador Fernández de la Cigoña... Todos eles recollen acontecementos de Baiona con moito acerto e eu creo que podo aportar, desde o punto de vista académico, unha análise do contexto histórico para comprendelos. Gustariame facer tamén monográficos de elementos de interese como a colexiata, a fortaleza de Monte Boi... Agora faremos un sobre a Santa Casa polo aniversario.

–Que falta por estudar da extensísima historia de Baiona?

–O meu obxectivo é dar luz sobre momentos da historia que non son tan coñecidos. Baiona é moito máis ca unha Arribada. Por exemplo, a Idade Moderna,desde o século XV ata o XIX, foi cando a vila viviu o seu século de ouro como porto de referencia dentro da provincia de Tui e a súa decadencia desde o XVIII tras a perda dos monopolios comerciais que se trasladan a Pontevedra. Non se recupera case ata finais do XIX co impulso do turismo como foco económico co balneario.

Lemos, na mostra 
co concelleiro 
de Cultura.

Lemos, na montaxe da mostra, co concelleiro de Cultura, Policarpo Vilar. / Ricardo Grobas

Un repaso ao oficio das redes desde hai centos de anos

A Historia non é a única paixón de Anxo Rodríguez Lemos. A outra é a etnografía e a súa ampla colección de ferramentas de diversos oficios serve desde hai anos para enriquecer a Festa da Arribada desde o punto de vista cultural. Este ano montou unha exposición sobre “O gremio de atadores e cordoeiros” no baixo do Concello para dar a coñecer como se elaboraban os aparellos de pesca ao longo da historia. Un arduo traballo de transformación do cáñamo en redes durante séculos, ata que o nailon chegou na segunda metade do XX para alixeiralo.

A mostra xira arredor dunha roda de fiar o cáñamo de 1886 que o estudioso trouxo de Granada, unha máquina que traballaba o material unha vez limpo, logo de arrancalo da terra, polo a remollo, espadalo (tirarlle os restos do tallo), rastrelalo para separar a estopa da fibra que logo se fiaba e se retorcía para obter redes, cordeis ou cabos, segundo o que se torcera ou cochara.

Logo chegaba o momento de atar o fío e elaborar as redes, de malla máis laxa ou máis chousa segundo a arte. E logo facíase o encascado, un proceso para retardar o podrecemento da fibra vexetal. Consistía en cocer casca de piñeiro mediterráneo ou de salgueiro. Esa auga, amais de tinguir de escuro as redes, aprtáballes unha resina que as impermeabilizaba. A continuación había que secalas nos tendais.

Completan a mostra unha escolma de ferramentas para o transporte do peixe, para o marisqueo e para a recollida do argazo.

Suscríbete para seguir leyendo