O comercio redondelán aposta polo uso do galego na rotulación, web e redes sociais

O Concello considérao como unha marca de identidade e singularidade do sector

A.P.

Unha iniciativa do Concello de Redondela para fomentar o uso do galego no comercio local na rotulación interna e externa, cartelería, webs e redes sociais tivo un efecto moi positivo no sector. A actuación é o resultado dunha convocatoria de axudas cuxas bases recollían tres liñas de financiamento: adecuación do local comercial, eficiencia enerxética e publicidade.

A inclusión do galego, sen menoscabo das outras linguas, fíxose co compromiso do Concello coa normalización lingüística e co propósito de que tivese unha incidencia real no comercio como unha marca de identidade e singularidade do sector económico. A importancia da lingua, neste aspecto, é notable debido a que supón incorporar un elemento de valor patrimonial á propia actividade económica.

O resultado da convocatoria demostrou o acerto desta decisión xa que a metade das solicitudes pediron esta axuda e apostaron polo galego. A alcaldesa redondelana, Digna Rivas, que dirixe a área de Nornalización, explica que esta promoción do galego é unha forma activa de participación da sociedade e da Administración ao redor dun patrimonio inmaterial como é o galego. “Redondela é un referente para toda Galicia en canto ao fomento do galego. Por iso, estamos decididos a continuar nesta liña de medidas efectivas que afecten directamente os veciños”, destacou a rexedora.