Investigados catro furtivos reincidentes aos que se lle incautaron 460 kilos de marisco ilegal

Atribúeselles un delito continuado contra a flora e a fauna por extraer percebe na zona de Baiona

R. V.

A Garda Civil de Baiona-Nigrán investiga a catro persoas como presuntos autores dun delito continuado contra a flora e fauna. Fontes deste corpo de seguridade destacaron a "boa colaboración" da Confraría de Pescadores de Baiona, que permitiu obter información sobre problemas que ten en relación con casos de marisqueo ilegal da súa zona de costa asignada, que abrangue desde a Punta de Monteferro-Nigrán, ata o municipio de Oia.

No mes de xuño do 2022, a Garda Civil recibiu información que apuntaba a que varias persoas de forma permanente e habitual, dedicábanse á extracción ilegal de percebe. Estas persoas, xa foran investigadas no ano 2021, no marco da Operación Rasqueta2, por constituír un grupo criminal dedicado a cometer o mesmo delito.

Por mor diso, púxose en marcha a 'Operación Rasqueta-3', que permitiu constatar que, a pesar de existir un procedemento penal contra eles, non deixaron de realizar este tipo de actuacións.

Así, a Garda Civil manifestou que se trata de "furtivos" que teñen como medio de vida a "extracción ilegal de percebe", a cal realizan de forma permanente e habitual, xerando "unhas grandes ganancias e todo en diñeiro negro".

Zonas acoutadas de traballoZ

A Confraría de Baiona acouta as zonas de traballo e pon vedas nestas zonas, comunicando estas decisións á Xunta de Galicia. Desta forma asegúranse a extracción do percebe durante todo o ano e que este cumpra as tallas mínimas.

No caso dos furtivos, que ademais "non respectan medidas, como se pode deducir das denuncias cursadas", case sempre extraen o percebe destas zonas vedadas, o que fai que cando os mariscadores legais acoden tras a súa apertura, falta o produto.

Así mesmo, os mariscadores legais só poden mariscar de luns a venres e poden efectuar capturas segundo a época de entre 3 e 4 Kg, algo que tampouco respectan os furtivos.

Tamén afectada a da Guarda

A Confraría de Pescadores da Guarda tamén se viu afectada pola acción destas persoas, xa que tamén extraen percebes na súa zona de competencia.

Transcendeu que todos eles acumulan unha gran cantidade de denuncias e á súa vez, ningún efectuou o pago voluntario das sancións impostas, "acumulando miles de euros en débedas".

Nun estudo de medios de vida e propiedades, dá como resultado que ningún posúe bens ao seu nome nin vehículos, os cales poñen a nome de terceiras persoas, co fin de evitar posibles embargos.

Gracias á esta información recompilada nas operacións anteriores e as dilixencias instruídas nesta investigación, atribúese a estas catro persoas, a presunta comisión dun delito continuado contra a fauna e flora.

Os investigados son todos residentes en Baiona e en Nigrán. A eles, incautóuselles 30 sacos de rede, 15 rasquetas, 460 quilos de percebe e efectos relacionados co delito.

Respecto a un deles, impútaselle tamén a comisión dun delito de quebrantamento de condena, debido a que nunha investigación realizada anteriormente contra esta persoa polo mesmo delito investigado foi condenado polo Xulgado do Penal número 2 dos de Vigo á prohibición de executar actos de marisqueo de calquera tipo durante catro anos, incumprindo, esta prohibición.