Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Uxío Benítez Director do AECT Río Miño

“A Cimeira Ibérica debe dar resposta ás necesidades concretas do territorio do Miño”

“É precisa unha aposta pola mellora da mobilidade sustentable transfronteriza”

Uxío Benítez, director do AECT Río Miño. // RAFA ESTÉVEZ

Mañá celebrarase en Viana do Castelo a Cimeira Ibérica 2022, un encontro entre Portugal e España que abordará cuestións de desenvolvemento conxunto. Dende a Deputación de Pontevedra e o AECT Rio Miño tense reivindicado de maneira histórica a concreción de proxectos para o territorio miñoto, unha zona de grande singularidade pola súa situación xeoestratéxica e por ser a fronteira máis transitada e con maior potencial de dinamismo socioeconómico na península.

-Que expectativas ten para esta Cimeira?

-É a primeira vez que unha cimeira se vai celebrar nunha cidade no territorio do Miño, no espazo do AECT, polo que a nosa expectativa é que se teñan en conta demandas máis concretas no ámbito da cooperación local, e máis vencelladas á fronteira do río Miño pola súa singularidade. Normalmente nas cimeiras hai grandes acordos entre estados e estes esquecen que teñen un territorio común entre eles como son as fronteiras. No caso do río Miño, a fronteira é un territorio moi singular.

-Cales son eses proxectos concretos que deben ter resposta xa?

-Pois, tal e como asinamos o AECT, a Deputación e a CIM Alto Minho na chamada Declaración de Pontevedra, que recolle as nosas demandas, é precisa unha aposta pola mellora da mobilidade sustentable transfronteiriza tanto no ámbito ferroviario como impulsando proxectos singulares de mobilidade local e suave. Tamén hai que mellorar a conectividade e o transporte de mercadorías entre os distintos parques empresariais e os nodos de transporte de mercadorías a nivel portuario (Vigo, Viana do Castelo e Leixões), a nivel aeroportuario e a nivel rodoviario. E non podemos esquecer a necesaria defensa ambiental dun recurso natural común como é o Miño, que ata o de agora estivo esquecido. Hai que promover e impulsar un compromiso dos Estados para un proxecto integral de saneamento e mellora ambiental do río.

-A ministra de Coesão portuguesa, Ana Abrounhosa, estivo a semana pasada en Pontevedra e amosou o seu compromiso con esas demandas. Parece haber de partida un bo posicionamento para conseguir froitos...

-Agradecemos grandemente a visita de Ana Abrounhosa. É a primeira vez que se mantén un encontro bilateral destas características, co AECT e a Deputación. E foi certamente frutífero, sobre todo por saber que temos unha visión común sobre a necesidade de desenvolver a fronteira e así facer máis Europa. O seu é un compromiso claro co territorio do río Miño, pero agora temos que ver como se concreta negro sobre branco e como flúe a maquinaria administrativa.

"Non é de recibo que os fondos europeos para paliar os problemas de fronteira marchen a outros lugares lonxe da raia"

decoration

-No encontro reinvidicáronse tamén os fondos POCTEP para a fronteira.

-Si. Esa é unha reivindicación histórica na nosa axenda. Non é de recibo que os fondos europeos que foron creados para paliar os problemas e inconveniencias de territorios de fronteira marchen a outros lugares lonxe da raia. Estamos de acordo en que as entidades que reciban eses fondos sexan diversas, pero sempre que o territorio fronteirizo sexa quen reciba as actividades e se beneficie delas. Neste sentido hai visións contrapostas nos propios estados e na Xunta. A ministra de Coesão coincide coa nosa opinión... e xa foi criticada.

-Recentemente foi nomeado director do AECT, unha entidade que está a ter moito peso na defensa do territorio.

-Si. Nacemos con esa vontade. Ser un instrumento xurídico para tomar decisións e executar melloras. Durante a pandemia fixemos ver que os nosos intereses están do lado dos concellos e das cámaras, das súas reivindicacións, e conseguimos melloras para a vida da xente. Reclamamos a creación dun estatuto de persoas traballadoras transfronteirizas e a creación dunha Tarxeta de Cidadanía Transfronteiriza para facilitar a vida da xente dunha e outra beira do río (...). Gustaríanos ter a posibilidade dunha Intervención Territorial Integrada ou apostar por un proxecto global de desenvolvemento territorial estruturante no marco da novo programa Interreg que se dirixise dende o propio territorio. No AECT hai unhas prioridades e liñas de actuación consensuadas cos axentes miñotos que están plasmadas na Estratexia 2030. Esa é a nosa folla de ruta e aí basearemos as nosas solicitudes de fondos á UE.

-Fala de proxectos que presentar aos fondos europeos. Por onde van desta vez as peticións?

-Pois, dentro da Estratexia 2030, queremos desenvolver o territorio como un destino turístico sustentable. Aí estase a traballar para poñer en valor a marca Rio Minho como destino de natureza. Hai iniciativas como o Anel Verde do Río Minho, unha rede de vías ou itinerarios peonís e ciclables arredor do río de preto de 200 kilómetros. Hai moitas outras iniciativas que se van desenvolver e presentar para obter financiamento. Estamos na fase de concretar e axustar.

Compartir el artículo

stats