Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

RUBÉN ABAD | Guitarrista de Trilitrate

“En Trilitrate somos moi inquedos, non chegamos ao último punto dun estilo”

O grupo leva o seu espectáculo musical e visual ao Castelo de Soutomaior

Piñeiro (video), Padrón (acordeón), Vázquez e Abad (guitarra). | // M. P. Monste Piñeiro

Cita cunha das propostas artísticas máis orixinais do panorama galego. Trilitrate actuará hoxe ás 10 da noite no Castelo de Soutomaior, no marco do ciclo ‘Tras as ameas’. Presentarán o seu novo disco, ‘Está de grelo’, no que o trío empurra os límites dos seus instrumentos acústicos para abarcar unha grande paleta de estilos. Estará con eles a videocreadora Montse Piñeiro.

–Tocades no castelo de Soutomaior, o ano pasado no mosteiro de Oia; estades cómodos nos recintos históricos?

–Este tipo de formacións con son acústico préstanse para lugares abertos e históricos. Son máis respectuosas co espazo que unha formación eléctrica e temos esa capacidade de encher o lugar.

–Fixestes datas en Portugal, logo ides de xira a Francia, semella que estades a ter máis cartel fóra que na casa.

–Pensaba o mesmo cando fixemos a gravación e puxémola a andar para ver quen podería publicala. Ao final o disco está editado por un selo americano (Ropeadope) e por un de Barcelona (Gandula). Non sei se é casualidade, pero parece que hai máis interese fóra que aquí. Espero trabucarme.

–Cando estabades a compoñer o disco xa diciades que a complexidade das pezas novas era maior, que requirían de moito traballo. Foi moi ardua a gravación? Estades satisfeitos?

–Quedamos moi satisfeitos. É moito máis complexo, inda hai nada falaba con Elena [Vázquez, a violinista] de que flipaba traballando para cada concerto porque o repertorio é moito máis difícil. Non sei por que ocorreu; tiñamos máis interese por abarcar máis músicas. Este tipo de formación é moi aberta, moito máis ca unha de rock. O bo que ten Trilitrate é que nunca faltan ideas, sempre temos ganas de máis. Como somos moi inquedos nunca chegamos ao último punto dun estilo, cando imos cara un lado axiña queremos ir cara outro.

–En Francia tamén presentades a banda sonora do filme ‘Rio Huemules’.

–É un documental francés que trata sobre unha aldea na fronteira entre Chile e Arxentina. Son cinco temas orixinais, inéditos polo de agora, polo menos ata outubro non estarán nas plataformas. Xurdiu a posibilidade nun festival no que tocáramos en Francia, un da organización estaba na produtora do documental, gustoulle moito o grupo e ofreceunos a posibilidade. É unha pasada, moi lindo.

–E pensades xa noutros dous discos novos.

–Temos a idea de facer un álbum que sexa completamente vocal, de cancións. Neste último xa ten algo máis de presenza a voz. Estamos moi ilusionados con iso. E por outra banda seguiremos coa nosa liña de músicas do mundo tolas. Temos unha idea que barallamos dende hai anos, pero é moi complicada, despois do que nos custou este disco... Trátase de arranxar obras de clásico para o noso trío, é moito traballo, se cadra facemos primeiro o outro.

–Seguides dando moita importancia aos visuais no directo, pero agora encárgase Monste Piñeiro.

–O traballo de Montse é máis analóxico, máis artesanal, Laura [Iturralde] xogaba máis co dixital. Pero nos dous casos están creados en tempo real durante o concerto, o concepto non cambiou.

Compartir el artículo

stats