O BNG de Pazos de Borbén amosou o seu malestar polo uso "de maneira recorrente" do castelán nas publicacións das redes sociais do Concello, ao que acusa de "non respectar a lingua galega".

"O goberno municipal desprestixia o galego a pesar de ser a lingua maioritaria das veciñas e veciños de Pazos de Borbén", sinalan os nacionalistas, que lamentan que o Concello estea "incumprindo unha ordenanza aprobada por maioría e impulsada polo propio goberno de Andrés Iglesias".

Refírese o BNG á ordenanza aprobada en 2018 e que di no seu artículo 1: "O Concello de Pazos de Borbén empregará o galego en tódalas súas accións, nas súas actuacións administrativas, na documentación, na comunicación social, e nas relacións coa cidadanía e entidades situadas en Galicia".

Asemade o BNG lamenta que "xa son varios plenos neste mandato nos que o voceiro de Ciudadanos no Concello, Manuel Ramón Conde, falta ao respecto á veciñanza e á ordenanza aprobada ao facer as súas intervencións en español". Neste caso remítense ao artículo 9 da mesma: "Os cargos públicos do Concello expresaranse de modo habitual en galego nos actos en virtude do seu cargo".