O BNG de Redondela volveuse decisivo no pleno ao contar con dous edís que poden inclinar as maiorías cara ao bipartito PSOE-AER (10 concelleiros) ou ao PP (9). Xoán Carlos González levaba oito anos a defender o proxecto nacionalista en solitario, e agora o fai coa compañeira Jessica García.

- Os vosos votos foron fundamentais para investir a Digna Rivas alcaldesa, mais logo non entrades no seu goberno, por que?

- Chegamos a un acordo para a investidura nunha serie de cuestions que eran para nós importantes. Adquirimos o compromiso de apoiar un cambio no goberno de Redondela, tal como era a vontade das veciñas e veciños. A asemblea local valorou logo que nun goberno de 12 edís, con só dous concelleiros, o proxecto nacionalista que representamos era moi dificil de desenvolver. Daí a decisión, que foi moi meditada e debatida, de facilitar a entrada dunha nova alcaldesa pero manternos na oposición.

- Tendo en conta que dos 11 concelleiros da oposición, 9 son do PP, cal vai ser o voso papel?

- O BNG xa demostrou que cun só concelleiro pode liderar a oposición. Ese papel desenvolvémolo con rigor e seriedade, intentando abordar os problemas que afectan á veciñanza dende o goberno municipal, e facendo plantexamentos en positivo. Ese traballo se vai manter. É máis, tal como está plantexando a oposición o PP, revanchista, este papel de rigor e seriedade e no seu caso de chegar a acordos vamos seguir desenvolvéndoo. Non vai haber grandes cambios na dialéctica política. Dende o BNG non vamos poñer paus na roda nin actuar con deslealdade, iso si, pedimos que se nos trate con respecto, que as nosas propostas sexan consideradas como aportacións.

- En que temas lle gustaría ao BNG facer propostas?

- Nos últimos anos Redondela perdeu un papel relevante na súa área de influencia, perdeu peso específico porque as políticas que se estaban desenvolvendo dende o goberno de Bas eran cortoplacistas ou personalistas. Quero recordar que unha persoa que lidera unha organizacion como o PP ten que estar ao servizo da vontade dos votantes, e non deixar as súas responsabilidades porque lle toca estar na oposicion, como no caso do excandidato Javier Bas. Redondela ten que volver a ocupar un peso relativo na súa área de influencia. A atención aos servizos sociais, ao benestar social e á xuventude teñen que ser factores relevantes, importantes. E logo a través do Plan Xeral hai que tratar de reconducir o urbanismo en Redondela, para ser un concello máis atrativo, máis amable, que poidamos recibir xente de fóra. Nos ultimos oito anos Redondela perdeu arredor de 1.000 habitantes, e ese problema ven dalgún sitio. E o tema das infraestructuras, que nos están castigando continuamente. Aí teremos que traballar entre todas as forzas politicas e sociais, a prol da veciñanza.

- Cre que o PXOM será por fin aprobado neste mandato?

- Agardamos que si, que haxa vontade politica e altura de miras para que sexa aprobado. Redondela necesítaoo máis que outro concello. Espero que as forzas políticas o aprobemos.

- Como valora os dous meses de goberno bipartito?

- Nós non vamos actuar como o PP de xeito revanchista. Levan pouco tempo de rodaxe, vemos que hai cambios pero tamén algunhas cuestións que non nos están gustando... Na comisión de seguimento dese acordo de investidura teremos que debatir, neste caso co PSOE, estas cuestións. Mais polo de agora, a nosa valoración é relativamente satisfactoria.