Máis de 600.000 visualizacións en Youtube do seu tema "Amodiño" -versión enxebre do recoñecido "Despacito" de Luis Fonsi- falan da sona das De Vacas, banda feminina galega que hoxe vén preludiar o Entroido de Verán de Redondela cunha actuación na praza da Casa da Torre (22 horas, de balde).

As voces de Paula Romero, Inés Salvado e Faia Díaz, canda o guitarrista Guillermo Fernández, únense nunha proposta moi divertida e reivindicativa. As De Vacas fan súas cancións como "Single Ladies" de Beyoncé (a ritmo de pandeireta), reivindican o guachinein do "Gagnan style" ou transforman un éxito de Rosalía en "Rexurdimente". Con moita retranca nas súas letras, elas levan as pezas ao terreo feminista, dándolle a volta aos estereotipos e facendo acenos á poesía galega.

Este concerto acende a mecha do Entroido de Verán deste sábado. Para darlle ambiente á praza, as De Vacas pediron que o público vaia con algún adorno na cabeza.