O nomeamento de Victoriano Taibo como fillo adoptivo de Gondomar a título póstumo será oficial este venres. Dous anos despois de que a Corporación municipal tomase o acordo por unanimidade a proposta do Instituto de Estudos Miñoráns, o auditorio Lois Tobío acollerá ás 20.00 o acto no que se lle entregará o título á familia do autor que foi membro fundador das Irmandades da Fala.

Parentes do que foi tamén integrante da Real Academia Galega recollerán o diploma ao longo da homenaxe na que o escritor e profesor Miguel Anxo Mouriño se encargará de facer unha loanza á súa traxectoria na defensa do uso do galego. Alumnos do Conservatorio Elemental de Música de Gondomar e o cantautor Paco Barreiro amenizarán o acto, que servirá de arranque a unha campaña para solicitar un Día das Letras Galegas na súa honra.

O autor que impartiu clases na parroquia de Morgadáns entre 1930 e 1950 dalle nome ao prestixioso premio de poesía organizado polo IEM, que cumpriu o ano pasado a súa undécima edición con centos de obras e de poetas participantes ao longo da súa trexectoria.