Vintecatro horas antes da constitución do Consello das Mareas, no que podería ser elexido líder orgánico despois de gañar as eleccións internas ao frente da candidatura Máis Alá, Luís Villares Naveira, voceiro de En Marea no Parlamento galego, acude hoxe ao Val Miñor para participar no terceiro dos faladoiros "Galicia 2017-2020. Presente e futuros", organizados polo Instituto de Estudos Miñoráns. Falará das propostas económicas, sociais, culturais e demográficas do seu grupo para o futuro inmediato do país ás 20.00 na aula de cultura Ponte de Rosas de Gondomar.

-Parece que o principal debate á hora de fundar o Consello das Mareas é o seu papel como líder orgánico ou voceiro parlamentario.

-O debate é a construcción dun proxecto político que non vai depender do papel dunha persoa.

-Nace dividido ese proxecto?

-Na creación dun proxecto coma este tén que haber debate. Intentamos darlle voz a todas as sensibilidades. O proceso de confluencia é irreversible.

-Foi en Gondomar onde naceros as mareas, a partires da firma do Manifesto Miñor en xullo de 2014. Tén algún significado a súa visita a piques da fundación da coordinadora galega da formación?

-Tén algo de simbólico. Repasaremos como empezou esta forza da unidade popular en Galicia e como se consolidou. Non vou perder a ocasión de destacar o protagonismo de Gondomar nesta experiencia.

-Precisamente neste concello fundador, esa iniciativa de unidade popular acabou partida en dúas forzas: Manifesto Miñor e Gondomar Concello Aberto (CABE). De concorrer xuntas ás municipais, poderían ter acadado a Alcaldía. Pode ser isto un aviso a En Marea sobre os efectos das escisións?

-O natural é que acaben entendéndose e conflúan cara as municipais de 2019. Compartimos as prioridades da defensa das maiorías sociais desde a perspectiva do nacionalismo.

-Que ideas que defenderá esta tarde para o futuro de Galicia?

-Todas as políticas dependerán da nosa capacidade económica, por iso cremos nun sistema de financiamento federal con soberanía fiscal e autosuficiencia financeira. A partires de aí, temos que defender os sectores produtivos, pero coa recuperación dos dereitos laborais perdidos desde o inicio da crise, garantir o acceso universal á cultura e crear unhas condicións de seguridade vital e laboral para darlle a volta a demografía.

-Como encaixan esas ideas no Val Miñor?

-Hai que apostar pola desestacionalización da oferta turística e aproveitar a proximidade a unha gran área urbana para cambiar a estratexia. Estamos comprometidos co asentamento empresarial para evitar a deslocalización ao Norte de Portugal e, no sector pesqueiro, temos que impulsar os derivados.

-Que pensa da crise do percebe?

-Aquí non hai un enfrontamento dos percebeiros coa Cofradía, hai unha interpretación da normativa inaceptable. Aproveito para pedirlle á patrona mayor que escoite a estes traballadores.

-Que pensa do accidentado arranque da Área Metropolitana?

-O PP decidiu entorpecela cunha grande irresponsabilidade porque a Área supón mellorar a eficiencia de servizos.

-Resolverá o problema do transporte de Gondomar?

-Si. Cremos na creación dunha empresa pública de transporte metroplitano que solucione as deficiencias do servizo, coma no exemplo de Barcelona.