A parroquia de Louredo vestiráse mañá de festa co galo da Xuntanza Veciñal que por segundo ano consecutivo organizou a área de Cultura da Asociación "San Salvador", que conta con máis de 300 socios.

- ¿Como foi a experiencia do ano pasado?

- Moi positiva. Tiñamos algo de medo pola resposta que tería a xente e foi unha gran satisfacción comprobar o contentos que quedaron, por iso este ano repetímola.

- ¿Cal é o obxectivo?

- Facer unha xornada de convivencia e relación entre os veciños. Antes había máis comunicación na xente, hoxe parece que vamos máis ao noso aire, así que nos pareceu boa idea unha xuntanza para coñecernos e falar entre nós.

- ¿Que actos vai haber?

- Primeiramente ás 12.30 hai unha misa polos socios que xa faleceron. Logo actúa o grupo de baile e gaitas de Celado. A continuación, unha comida no local social á que asistirán máis de 75 persoas. Na sobremesa entregaremos unha placa de homenaxe á Asociación de Disminuídos Físicos e Psíquicos de Mos (ASO-DI-FISI); cremos que están a facer unha labor moi importante e llo queremos recoñecer. Despois, a gusto de cada un, haberá baile, torneo de tute e xogos tradicionais para os nenos. Remataremos con play-backs a cargo das asociacións "Actividade" e mais da Cultural de Guizán.

- Desgraciadamente, os incendios da semana pasada serán un tema de conversa, pois afectaron a parroquia...

- Para nós é unha traxedia mirar o monte que antes era verde, agora está totalmente calcinado. Nos entristece.

- Á parte desta festa, ¿que actos facedes na asociación?

- Moitos cursos co apoio do Concello, como foron os de conserva, licores, aerobic, ximnasia e tamén de ioga, que tivo moitísimo éxito. Por outra banda tamén miramos polo pobo, facemos xestións, arranxos, o que podemos. O Concello axuda bastante pero queda moito por solucionar.

- ¿Cales cre que son as principais necesidades de Louredo?

- As obras que máis nos demandan os veciños son a traída de augas, é un clamor, e mailo alcantarillado. Tamén temos problemas de falta de electricidade polo que temos denunciado a Fenosa.