Estes días, a declaración da situación de emerxencia climática en Europa e a celebración da COP25 en Madrid, personalizada na odisea da activista Greta Thunberg para chegar a Madrid a bordo de medios de transporte ecolóxicos, centraron a atención dos españois, que andamos algo desorientados ante o feito histórico de non ter que ir votar previsiblemente nos próximos meses.

Coitada, Greta, que tras cruzar o Atlántico a bordo dun catamarán chegou a Lisboa pensando que as dúas capitais ibéricas estarían conectadas de forma eficaz e ecolóxica e acabou metida no Lusitania, un dos últimos trens nocturnos que non pode seguir o traxecto máis curto entre Lisboa e Madrid porque está pechado, e que cubre parte do seu percorrido cunha locomotora diésel.

Supoño que Greta non tivo ocasión de pórse ó día da actualidade española, onde a DXT do goberno (en funcións) máis ecoloxista da democracia deu por fin instrucións para regular o uso dos patinetes eléctricos ou VMP, esas armas de destrución masiva de peóns que comezan a formar parte da paisaxe urbana, como as pombas ou os estorniños ourensáns. Resulta que a circulación destes perigosos vehículos estará prohibida polas beirarrúas e zonas peonís, baixo sanción económica. Deberán utilizar a calzada, xunto a coches, autobuses e demais familia, ou ben os carrís-bici, eses grandes descoñecidos na nosa cidade.

Supoño que Pere Navarro e compañía non subiron a bordo dun VMP antes de redactar semellantes indicacións. Un VMP non é un xoguete, abofé. Mais trátase dun pequeno vehículo, non contaminante, onde o condutor viaxa a menos de 10 cm da plataforma, así que a súa visibilidade e estabilidade son incluso menores cás dunha bicicleta. Moitos dos seus condutores pasamos medo á hora de conducir por glorietas ou avenidas onde os autobuses adiantan a 50 km/h pasando a escasos centímetros. Porén, as súas dimensións reducidas convérteno no vehículo ideal para moverse por zonas peonís, xa que, usados con moderación, non provocan ningún prexuízo ós peóns que, en cambio, si teñen que apartarse para dar paso a camións de reparto, taxis ou mesmo vehículos de residentes.

Queremos loitar contra o cambio climático, mais a mellor alternativa de transporte ecolóxica que apareceu no último século é practicamente prohibida. Por que non se esixe o pago dun seguro, a súa matriculación e se lles limita a velocidade ó paso humano polas beirarrúas e zonas peonís? Por que non se traballa arreo na implantación de carrís-bici en tódalas rúas onde sexa posible? Por que un goberno que se di ecoloxista e progresista prohibe de facto unha innovación ecolóxica na mobilidade urbana? Pois aquí un cidadán progresista deixará desde o luns o seu VMP na casa e volverá ir traballar nun coche diésel de hai 16 anos. A transición ecolóxica era isto.