Os meus pais eran mestres. Querían moito aos seus alumnos, levaban tarefas para casa, traballaban con responsabilidade. Xa xubilados, das cousas que máis lles alegraban era atopar algún exalumno na rúa, e que os saudaran, e que lles contaran como ía a súa vida, se tiñan familia, se traballaban,... Volvían a casa e contábanolo, cheos de orgullo, coma se foran os seus propios fillos. Así é como eu sempre vivín e entendín a profesión de mestre.

O meu fillo empeza agora a ensinanza secundaria. Ata agora estudiou no CEIP de Barrantes, en Tomiño. Recoñezo que a única razón que tiven para matriculalo alí (traballando eu en Tomiño), foi o feito de ser o único colexio do concello que naquel momento tiña comedor para os nenos de infantil. Lembro, iso si, a impresión tan positiva que tiven cando chamei por teléfono para preguntar e a entón directora invitoume a ir coñecer o centro. Lembro o amor pola profesión que recoñecín nese momento naquela profe e que me fixo non dubidar en levar alí o meu fillo.

Pasaron nove anos dende entón. Alí o meu neno tivo mestres maravillosos, ensináronlle a ler, a escribir, ortografía, fraccións... pero tamén a investigar, a coñecer cantos deportes hai, a compartir, a querer, a mimar, tamén a canalizar a frustración, a resolver conflictos. Falaron de lingua, de natureza, de educación afectivo sexual, de bulling, de diferentes modelos de familias... Falaron de todo.

Coidaron moito ao meu fillo, e recoñezo que un pouco, tamén a nós.

Colexios como o de Barrantes, mestres como os que o meu fillo disfrutou estes nove anos, demostran a calidade, a importancia e o poder para cambiar o mundo que ten a educación pública.

Como en un bucle, estou segura que algún destes mestres que se cruzaron na vida do meu fillo, xa xubilados, un día o atoparán na rúa, e el contará como lle vai a vida. E eses profes chegarán a casa e contarán-llo a súa familia, orgullosos, e esa familia crerá, coma min, nesta profesión.

Para min Barrantes é, para sempre, o mellor cole do mundo. Grazas.