Nas pasadas Xerais, Anova non se presentou, nin pediu o voto para ninguén, desta volta sería cousa de pedilo para o Bloque. Os de En Marea, que están hoxe no grupo mixto, no Parlamento do Hórreo, que non tiveron representación nas Cortes, poden facer o mesmo pedimento, e replantearse como se presentar. Isto non quita que se os chaman, a calquera deles, a ir nas listas do BNG, poidan participar nelas. É de ter en conta, non deixar entrar, os que xa fracasaron no intento de formar o goberno do Reino.

Na Galiza temos a sorte de ter ó Bloque Nacionalista Galego, e non ter que votar polos incapaces de dar un goberno progresista os españois.

Aínda que algúns pensemos que, boi solto ben se lambe, a nosa xente, non marcha de España, se non a botan fora; polo que no do independentismo, non temos ningún problema na Galiza, que non vai pedila -o da autodeterminación, é unha consideración, a tela como dereito, aínda que non se exerza-.

Máis se Galiza é España, España ten que mirar a Galiza como é. Respectando o seu idioma, o galego, que polo tanto é un idioma español; o identificar o español co castelán, como se fose o único idioma no Reino, é un erro que ven de séculos. Como os conflitos territoriais, a Constitución de 1978 corrixiuno e discriminou o castelán positivamente, respecto as outras linguas do Reino, máis poucas veces cumpriuse a Constitución, polos que se chaman "constitucionalistas", neste punto. Outro exemplo, cando na Galiza falamos do país ou dicimos do país, ese país é Galiza, e tense que mirar así; Galiza é un país.

É un problema para o Bloque ser o partido menos populista na Galiza, por non dicir que non o é. Ten uns principios moi ben definidos, non os muda mirando as enquisas, e o que o vota sabe moi ben o que se vota; quen vota o Bloque, non é vulgar, é xente ben informada. É preciso que a xente entenda ben o que é, para que o vote, hai que explicalo.

O grupo no Congreso dos Deputados, fará que se mire Galiza como é, facendo que se escoite e respecte o que din os galegos. Deica agora os que dixeron que iamos ter grupo parlamentar, fracasaron e nin axenda galega, apareceu no Congreso. Non terá problema en apoiar un goberno de progreso.