13 de agosto de 2019
13.08.2019

Falando de pasamentos

13.08.2019 | 02:25

Nesta irredenta, paradoxal e fermosa Galicia continúan a atoparse non poucas sorpresas. Dicimos -e é verdade- que nela, nese algo máis do cincuenta por cento das entidades todas de poboación (vilas, aldeas ou lugares) de todo o Estado español que existen de feito en Galicia -territorio este que nos seus bos tempos era polo demais bastante máis extenso ca agora- a xente vai paseniñamente emigrando ou morrendo sen que os poucos que nacen ou nelas se asentan cheguen a reparar a sangría poboacional. De xeito que se fala incluso de que habería actualmente algo máis de dous milleiros de núcleos de poboación abandonados, algúns deles incluso postos á venda...

Por iso, cando hai un par de días, co gallo do pasamento dun vello amigo que tiña xa cruzado a fronteira dos 91 anos, me dirixín dende a beira da ría de Vigo ata unha das moitas aldeas minguantes en poboación da coñecida Terra de Montes, fiquei unha vez máis non pouco sorprendido. A igrexa, aínda que pequena, estaba ben ateigada de xente, mais fóra, en agradábel conversa no adro, coido que habería aínda máis que no interior da mesma. De modo que a soidade e a nostalxia dos tempos pasados semellan recibir así de cando en vez un saudábel balón de osíxeno. Isto é o bo que ten a técnica ó nos ofrecer gratas posibilidades de trasladármonos desde un determinado lugar a outro ben distante, podendo así tecer redes de relacións e contactos que noutros tempos non eran sequera imaxinábeis.

É este en realidade un derradeiro e benfeitor servizo que cada un dos nosos defuntos, coa súa muda e recorrente presenza, nos fai ós vivos. O de contribuír coa súa marcha, por dolorosa que sexa, á vida dos aínda vivos. De feito, os variados e complexos rituais tradicionais que acompañaban ata non hai aínda moitos anos en Galicia o pasamento dos nosos finados tiñan, segundo nos instrúen os antropólogos, como explícita ou implícita motivación a de insuflar vida nunha concreta e pequena comunidade que ante a experiencia da morte dalgún dos seus integrantes se percibía ameazada na súa mesma existencia comunal.

Nestes específicos e humanamente complicados encontros que se realizan co gallo do pasamento a presenza dos cregos (tradicionalmente cantos máis numerosos fosen tanto máis prestixioso e eficiente se pensaba que sería o acto relixioso) forma parte insubstituíbel dos mesmos. Eles, pola súa parte, precisan encontrarse a si mesmos e entre si mesmos, porque tamén eles, que tan a miúdo están en contacto coa morte dos demais, non poden menos de ser ben conscientes de que a eles lles pasará loxicamente, máis cedo ou máis tarde, outro tanto. Nesta ocasión puiden escoitar directamente dun deles, co que endexamais por certo me tiña atopado con anterioridade e ben entrado xa en anos, e entre outras variadas historias e anécdotas, este ocorrente dito, que -segundo o meu vello costume- axiña anotei nun papel pra non me esquecer. É o seguinte, que -como o amábel lector destas liñas axiña percibirá- é seguramente ben axeitado á solemnidade do acto é á agachada temática de fondo que axita as interioridades de cada quen: "Os curas teñen anos, pero os anos non teñen cura"...

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
S.P.
Lo malo del embrollo que ha montado la Xunta con la sede de la fundación...
MANUEL BRAGADO
Vigo contou cun gran teatro en 1832. Foi o que na Princesa inaugurou o rico comerciante Velázquez Moreno...
 

Calendario laboral y escolar 2018/2019

Calendario laboral 2018 en Galicia

Calendario Laboral 2018 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2018/2019 .