A ANPA do CRA Raíña Aragonta, de Salceda de Caselas, leva dende setembro loitando pola reincorporación inmediata dun docente especializado en Pedagoxía Terapéutica (PT).

Despois de moitos anos contando con este profesional, ó inicio deste curso atopámonos con que o noso centro non ía contar con este mestre. Como representantes da ANPA, queremos achegar o malestar das familias dos nenos e nenas matriculados no noso centro. Malestar que compartimos por considerar imprescindible a presencia deste docente, por dar apoio a alumnos con necesidades educativas especiais.

Actualmente o centro conta con 267 alumnos, dos cales, polo menos, 10 nenos facían uso deste profesional o curso pasado. A eliminación do mesmo é totalmente inxustificable. Consideramos que existe un trato discriminatorio hacia os nenos e nenas de Salceda de Caselas xa que hai outros colexios rurais agrupados da comarca, con menor número de alumnado, que sí contan cun PT, como o CRA A Picaraña de Ponteareas, o CRA María Zambrano de O Rosal, CRA Mestra Clara Torres de Tui, etc.

No Decreto 229/2011, do 7 de decembro, no que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros da comunidade autónoma de Galicia, estipúlase que as administracións educativas establecerán os procedementos e recursos necesarios para identificar as necesidades educativas específicas do alumno e a atención integral debe comezar dende o momento da detección e deben ter como principios a normalización e inclusión do alumno.

Polo que, en nome do todos os pais e nais dos nenos e nenas matriculados no CRA Raíña Aragonta de Salceda de Caselas, solicitamos a incorporación inmediata dun PT para atender e dar resposta ás necesidades específicas do alumnado, así como a actualización do catálogo do CRA Raíña Aragonta cun docente en Pedagoxía Terapéutica.

Os nosos cativos merecen a mellor educación que lles poidamos proporcionar e unha educación pública de calidade ten que ser dotada dos medios materiais e profesionais necesarios.